O galardón foi concedido ó Consello da Cultura Galega pola decidida aposta que esta institución fixo pola banda deseñada, tanto desde o punto de vista da súa difusión en internet, a través do especial de Banda Deseñada do seu portal culturagalega.org, como pola recente edición dos primeiros cadernos didácticos que empregan o cómic para achegar o ensino da ciencia ós nenos dun xeito ameno.
A sección de banda deseñada do portal do CCG, Culturagalega.org, leva funcionado desde principios de ano cunha actualización continua que permite ós afeccionados ó cómic estar informados do que acontece na banda deseñada galega. Entrevistas, reportaxes, galerías cos traballos de autores de distintas épocas ademais da posibilidade de descargarse fondos de escritorio ou consultar outras ligazóns sobre o tema converten a este sitio en referencia para todas aquelas persoas interesadas no cómic en Galicia.
Publicacións en banda deseñada
Ademais desta aposta pola banda deseñada desde internet, o Consello da Cultura Galega tamén foi elixida para este galardón por empregar a banda deseñada en dúas das súas últimas publicacións. Trátase dous dous primeiros números da colección Ciencia para todos, editada pola sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Francisco Díaz-Fierros.
Con estes dous cadernos, ¿De quen é a auga? e Vivir no Solo, preténdese comezar a sensibilizar ós nenos da precariedade na que se atopan algúns bens tan sensibles como a auga ou o solo e da necesidade de conservalos. A escolla do formato das publicacións veu determinada porque os seus responsables consideraron que o cómic era o mellor xeito de facerlles chegar contidos ós nenos.
O voto dos afeccionados
O premio Ourense de Banda Deseñada, sen dotación económica pero dotado dun trofeo deseñado para cada edición polo artista ourensán Manolo Figueiras, foi decidido polo voto de douscentos afeccionados de Galicia á banda deseñada, que enviaron á súa decisión ós organizadores das XIII Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. O galardón será entregado durante os actos de inauguración desta nova edición da Festa Galega do Cómic, o 5 de outubro.

