<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/10/simposio_2008peq.jpg" alt="simposio_2008peq.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Cartel oficial do Simposio "Toponimia e Cartografía", organizado polo ILG en colaboración co CCG</em></div>
O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Consello da Cultura Galega celebrará entre o 28 de outubro e o 6 de novembro un simposio sobre o tema <em>Toponimia e cartografía</em>. O obxectivo deste encontro científico é ofrecer unha panorámica dos estudos que, desde distintas disciplinas, explotan cientificamente a conxugación da investigación toponímica e da análise cartográfica. Os participantes convidados son especialistas en xeografía, historia, dialectoloxía e historia da lingua que nos seus traballos tiran rendemento da representación cartográfica dos nomes de lugar.
<!--more-->
Os temas das conferencias procuran ofrecer unha panorámica xeral dos estudos interdisciplinares de toponimia, especialmente das achegas feitas desde a xeografía, a historia e a lingüística. Por unha parte cóntase coa participación de investigadores do ámbito da xeografía que están a traballar ou traballaron en proxectos vinculados coa toponimia, e por outra con colaboradores de proxectos e investigacións que aproveitaron a cartografía toponímica para obter resultados sobre a evolución e descrición dos sistemas lingüísticos. As conferencias pretenden tamén dar a coñecer ós asistentes o estado de desenvolvemento destes proxectos, a metodoloxía que se está a utilizar, os resultados que deica agora se obtiveron e as perspectivas futuras.
Esta actividade organízase coa colaboración da Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia.
Máis información e inscrición en:
<a href="http://ilg.usc.es/ilgas/simposio_2008/">http://ilg.usc.es/ilgas/simposio_2008/</a>

