A doutora Lida asegurou que, a través desta esta investigación sobre a inmigración española en México entre os anos 1939 e 1950, "sabemos que a emigración política dos republicanos españois remata moito antes do que pensábamos os historiadores, en torno ó ano 1946, e que, a partir de entón, México segue recibindo inmigrantes españois pero que non chegan ó país por motivos políticos senón económicos, como o facían antes da Guerra Civil española".
Estudio demográfico
Esta investigadora, autora de máis dun centenar de artigos e unha ducia de libros sobre estes temas, fixo estas afirmacións gracias a un exhaustivo estudio demográfico dos grupos migratorios que chegaron a México entre 1939 e 1950 tendo en conta variantes coma o sexo, a idade, a profesión ou a provincia da que eran orixinarios.
Estas investigacións permitíronlle diferenciar dúas leadas de inmigrantes, cuns perfiles ben diferentes, en dúas décadas distintas. "Unha primeira leada rexístrase entre 1939 e 1942, que ten unha serie de características que identifica ós inmigrantes como exiliados republicanos, e unha segunda, entre 1945-50, cun perfil propio do exilio tradicional que se rexistraba antes da Guerra Civil".
A partir destes datos, a profesora Lida, coa axuda dun grupo de colaboradores e continuando un traballo persoal iniciado no libro Una inmigración privilegiada, puido establecer que máis da metade dos españois que se exiliaron a México entre 1939 e 1950 fixérono na primeira leada, especialmente en 1939, coincidindo coa fin da Guerra Civil española, e, por tanto, "foron exiliados republicanos ós que o goberno mexicano ofreceu apoio institucional e económico xa que se trataba dunha inmigración cun alto nivel de especialización, con capacidade para adaptarse á sociedade mexicana e, sobre todo, que viñan avalados polas institucións republicanas que se crearon no exilio trala caída da II República".
Facilidades para os exiliados
"Esto supuxo que, dos 20.000 españois chegados a México nas datas da investigación, 10.000 foron exiliados republicanos que, a pesar de que se lles facilitou a nacionalización, aínda tardarían moito en facelo", aspecto que desbota, segundo asegurou Lida, outro dos mitos da propaganda franquista, que afirmaba que os republicanos eran uns apátridas que rapidamente desbotaron a súa nacionalidade.
Clara E. Lida rematou a súa intervención destacando que, "foi posible realizar esta investigación a partir dunha fonte tan importante como o Registro Nacional para Extranjeros, un arquivo que alberga máis de 50.000 fichas de tódolos estranxeiros que entran no país e na que se consignan datos como a idade, sexo, profesión, relixión, raza ou profesión, pero que só é posible consultar ata o ano 1950".


