O cómic, ilustrado por Fran Bueno Capeáns, foi presentado hoxe nunha rolda de prensa na que interviu, xunto coa guionista, o coordinador da Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade e vicepresidente do CCG, Francisco Díaz Fierros. Díaz Fierros explicou que este cómic fai o número 3 da Colección "Ciencia para todos", impulsada pola súa Sección para divulgar aspectos importantes do mundo da ciencia e da investigación aplicada.
"Os dous primeiros abordaron os temas da auga e o solo e o cuarto, que estamos a preparar, centrarase na alimentación. A catástrofe do "Prestige" levounos no seu momento a pospoñer o referido á nutrición, a alimentación e a dieta", dixo Díaz Fierros. Cos cómics editados, o CCG prepará unha exposición que poñerá a disposición de centros de ensino e outras entidades para dar a coñecer estas temáticas. PARANDO A MAREA NEGRA poderá descargarse próximamente dende o portal: www.culturagalega.org

