O catálogo, realizado por Xosé M. Sánchez, recolle as referencias de tódolos manuscritos identificados como obras manuscritas, tanto no Arquivo coma na Biblioteca da Catedral Compostelá e agrupa 317 volumes. Destacan tres copias da "Historia Compostellana", algunhas Constitucións Capitulares, copias manuscritas de obras do Padre Sarmiento, os papeis e anotacións de Francisco Antonio Espino (século XIX) e obras como "Hombre Christiano", de Gonzalo Solórzano (século XVI).
No acto de presentación o coengo-arquiveiro, José María Díaz Fernández, salientou e agradeceu a colaboración do CCG para a realización do que considerou un traballo valioso en si mesmo e "polo que supón como ferramenta para os diversos investigadores que precisen información sobre as unidades que aquí se recollen", aspectos aos que tamén se referiu o doutorando Xosé M. Sánchez.
Pola súa banda, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, reiterou a intención da institución de continuar a colaboración co arcebispado de Santiago "ao servizo de Galicia, da súa Cultura e da súa Historiografía, sen deixar de considerar no futuro a posibilidade de prestarmos atención aos fondos documentais doutras catedrais galegas". Lembrou tamén que gracias ao convenio subscrito polo CCG foi posible con anterioridade a catalogación do Fondo López Ferreiro.
O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, felicitouse por esa colaboración "que propicia a divulgación dos coñecementos" e aludiu á importancia do exercizo da memoria desde o presente cunha especial referencia ao papel dos xornalistas e dos medios de comunicación, amplamente representados no acto.

