----

ARQUITECTOS CATALÁNS EXPORÁN NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA A SITUACIÓN DA ARQUITECTURA NESA COMUNIDADE

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este xoves e venres as "Xornadas A Arquitectura desde Cataluña". Con esta iniciativa, a entidade pretende abordar da man dalgúns dos mellores profesionais cataláns unha análise da arquitectura recente nesa Comunidade, así como abrir canles de reflexión e intercambio de coñecementos entre arquitectos galegos e cataláns.

O presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destacou esta mañá na presentación das Xornadas que o obxectivo é "abrir dende Galicia foros que fagan posible o mutuo enriquecemento intercultural nun mundo cada vez máis aberto, máis interrelacionado" e destacou a relevancia dos profesionais que acoden a este encontro. Pola súa banda, o coordinador da Sección de Arquitectura, Iago Seara, salientou a importancia de afondar na arquitectura como un elementos máis da expresión cultural dun territorio, con elementos de modernidade e con elementos enraizados na bagaxe cultural propia.

As Xornadas comezarán o xoves ás 10 cunha inauguración a cargo do presidente do Consello da Cultura Galega, do coordinador da Sección de Arquitectura e do profesor Antonio Armesto. Nesta primeira sesión, os arquitectos Josep María Montaner, Jordi Badía (BAAS), Helio Piñón, Federico Correa e Josep Llinás exporán a súa visión da arquitectura catalana das últimas décadas e as características da súa obra.

Ó día seguinte, o venres 28, as Xornadas "A Arquitectura desde Cataluña" comezarán cos relatorios "Arquitectura para o cambio", de Ignacio Paricio, e "Cataluña: outras arquitecturas", de Carlos Martí. Antonio Armesto, Carles Ferrater e Carmen Pigem completarán a sesión.

Estas xornadas celébranse dentro dun ciclo dedicado a ofrecer unha visión global e interxeneracional da arquitectura de Galicia e doutros focos peninsulares de especial significación. En maio o Consello acolleu a celebración das Xornadas Arquitectura Lisboeta e no futuro continuarase o ciclo con encontros sobre a arquitectura en País Vasco e Navarra, Andalucía e Castela e León. Da confrontación do coñecemento da arquitectura galega e destas Comunidades elaborarase unha publicación.