----

A HARMONIZACIÓN DOS DEREITOS DE AUTOR E DOS CIDADÁNS NA DESCARGA DE MÚSICA POR INTERNET, A DEBATE NO CCG

Os dereitos de autor e os dereitos dos cidadáns a acceder á cultura centraron esta mañá o III Encontro O Son da Memoria, que organiza o Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega (CCG). Membros da Sociedade General de Autores e Editores (SGAE) e representantes de posturas críticas coa actual xestión dos dereitos de autor expuxeron os seus argumentos e debateron sobre a polémica descarga de música por Internet e a copia de CD´s para uso persoal.

O avogado David Bravo describiu o que considera as "grandes mentiras" da industria discográfica á hora de falar sobre o intercambio de música entre usuarios a través de redes, como o P2P. Así, rexeitou que se cualifique de "piratería" esta actividade porque na súa opinión "non se están apropiando de nada alleo" e negou que provoque a desaparición da música, a perda de postos de traballo ou un aumento do prezo dos CD´s. Bravo recoñeceu o dereito dos autores a ser remunerados polas súas creacións pero reclamou que se articulen novas formas de cobro harmónicas cos dereitos dos cidadáns. Rexeitou que sexa ilegal esta actividade e advertiu que "depende de nós esixir que non sexa un delicto facer unha copia privada dun CD".

Pola súa banda, a letrada da SGAE, Marta Beca, asegurou que o problema radica en que se están publicando en Internet productos audiovisuais sen contar coas licencias debidas e que o delicto recae nas empresas responsables desas páxinas ou servicios. De tódolos xeitos, tanto o responsable da sección dixital da SGAE, José Neri, como o productor musical Xosé Manuel Blanco aseguraron que a "piratería" por Internet "non lles preocupa", xa que acabará sendo "mínima". Estes profesionais tamén fixeron fincapé en que o futuro da música está no acceso e non na distribución. Así prantexaron a substitución dos formatos de música tradicionais por servizos a través do teléfono móbil, que permitan ós usuarios acceder a amplos catálogos de produccións dende calquera lugar, previo pago.

Xa pola tarde, o acto continuará ás 16:30 analizando os dereitos de autor no caso concreto do arquivos sonoros, coa participación de Ángeles Afuera, xefa de Documentación da Cadea Ser, de Margarida Estanyol, directora da Fonoteca de Catalunya, e Mateo Maciá, director do Arquivo do Congreso dos Deputados. O III Encontro O Son da Memoria rematará cun concerto ás 21:00 horas de Baldo Martínez Cuarteto Acústico na Aula de Caixa Galicia.