Os outros galardoados desta cuarta edición foron "Xanela Arquitectura en Aluminio S.L.", polo seu labor de promoción do galego no mundo da industria; o portal Vieiros, pioneiro e referente da utilización do dioma propio de Galicia na Inter-rede, e o restaurante "Espeteira", exemplo de empresa que incorporou o galego no último ano.
Na súa intervención, no nome dos premiados, Ramón Castromil eloxiou a iniciativa do Concello e da Cámara de Comercio compostelán e tivo un emocionado recordo para a figura de Manuel Beiras, a quen se referiu como "compostelán cabal, galeguista exemplar e cidadán comprometido ó servicio dos intereses de Santiago e de Galicia". Castromil tivo palabras de eloxio para as empresas e entidades premiadas e agradeceu a súa distinción "que moito me honra a min e a quen comigo cubriron unha longa etapa na empresa "Castromil".
"A lingua non é o noso único sinal de identidade, pero é un dos importantes, un dos que nos sitúan no mundo xunto conn outras expresións idiomáticas, donos dunha contribución diferenciada á diversidade de expresións lingüísticas realmente existentes", afirmou Ramón Castromil.
No acto fixeron tamén uso da palabra o Presidente da Cámara, Jesús Asorey, e o Alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, que se felicitou por unha iniciativa que considerou consolidada, logo da experiencia e da respostas nestes catro anos.
Os premios foron entregados no curso dunha cea á que acudiron 160 persoas e na que estiveron presentes o Alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o Presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz; o Rector da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro e o Presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey e a concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, entre outras autoridades. Acudiu tamén o parlamentario do BNG, Xosé Manuel Beiras.
Os premios "Manuel Beiras" foron creados por iniciativa do Concello e da Cámara de Comercio de Santiago para fomentar e promover a utilización e a normalización do galego no comercio, na industria e na empresa. O premio, que non ten dotación económica, consiste nunha escultura realizada por Acisclo Manzano.

