----

O PRESIDENTE DO CCG ALUDE AO CARÁCTER "SINGULAR" DA INSTITUCIÓN E Á UTILIZACIÓN DAS NOVAS TECNOLOXÍAS "PARA POTENCIAR E PROXECTAR A CULTURA DE GALICIA"

O Consello da Cultura Galega (CCG) conmemorou este martes os seus primeiros vinte anos cun acto institucional presidido polo Presidente da Xunta, Manuel Fraga, e ó que asistiu o titular do Parlamento, José María García Leira, xunto con autoridades e representacións da vida cultural, política, relixiosa, económica e universitaria de Galicia. No acto fixeron uso da palabra o Presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, e o titular da Xunta, Manuel Fraga, Presidente de Honra da institución cultural. Ademais procedeuse á presentación da edición facsímile do "Códice de Toledo" das CANTIGAS DE SANTA MARIA, do Rei Alfonso X "O Sabio", e inaugurouse unha exposición bibliográfica cos fondos do Consello. O cantautor Amancio Prada ofreceu un recital cunha escolma de Cantigas dos trobadores galaico-portugueses e de Alvaro Cunqueiro. Unhas cento cincuenta persoas estiveron presentes nestes actos conmemorativos. Previamente celebraron sesións ordinarias a Comisión Executiva e o Plenario do CCG. O Códice de Toledo foi presentado polo profesor Henrique Monteagudo, secretario do CCG. Ramón Castromil, vicepresidente da institución, presentou ó catautor Amancio Prada.

O Presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, lembrou e agradeceu a lucidez dos redactores do Estatuto de Autonomía "para situar na norma fundamental e básica pola que Galicia accede ó autogoberno, unha institución que ten a finalidade de defender e promocionar os valores culturais do pobo galego, a lingua e a cultura de Galicia. Unha institución singular, pois non existe en ningún outro Estatuto de Autonomía".

Lembrou os moitos cambios habidos nestes vinte anos "ó abeiro das novas posibilidades relacionadas cos desenvolvementos democrático e autonómico" e os traballos realizados para que o CCG, "órgano estatutario, asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, con independencia e plena autonomía, cumprira o seu ineludible compromiso de promover e fomentar a cultura e a lingua de Galicia".

Lembrou Alfonso Zulueta as áreas de traballo conformadas polas doce Seccións e os catro Arquivos que definen os campos de actuación do CCG e aludiu tamén ós traballos de promoción e difusión, nomeadamente a través da web institucional -consellodacultura.org- e do portal -culturagalega.org- e precisou que eses dous soportes "falan claramente da aposta da institución pola aplicación e a utilización das novas tecnoloxías da información para potenciar e proxectar a cultura de Galicia e desde

Galicia, favorecendo o imprescindible diálogo intercultural". Trátase, dixo, de levar á Rede reflexións, propostas, iniciativas e proxectos galegos. Trátase de situármonos decididamente na contemporaneide do Terceiro Milenio".

O Presidente do CCG tivo palabras de lembranza e recoñecemento para os seus predecesorses á fronte da institución, Ramón Piñeiro, Xosé Filgueira Valverde e Carlos Casares e, como proxectos de traballo en marcha, citou a edición da obra, inédita e pouco coñecida, do Padre Sarmiento, a exposición e congreso sobre a figura do Conde de Gondomar, a que se pretende sobre as Cantigas de Santa María e a titulada "O sorriso de Daniel", que será presentada no Forum das Culturas-2004, en Barcelona.

Por último, Alfonso Zulueta de Haz referiuse ós que calificou como "desafíos deste tempo". Dunha parte, o recoñecemento das diverzas culturas na perspectiva da globalización. Doutra, "a posible actualización da vixente Constitución Española e a necesidade de situar a Galicia no lugar que lle corresponde no concerto hispano, tendo en conta a súa personalidade e a súa historia".

O Presidente do CCG agradeceu, por último, "as atencións, recoñecementos e consideracións que para o Consello tivo o noso Presidente de Honra, don Manuel Fraga" e o traballo de quen prestaron a prestan a súa colaboración para que a institución poida levar adiante os seus programas e proxectos.

Pola súa parte, o Presidente da Xunta, Manuel Fraga, lembrou as palabras de Ramón Piñeiro, primeiro Presidente da institución, hai vinte anos, cando o Consello tomou corpo "e se empezou a converter nunha realidade substancial". Dixera Ramón Piñeiro: "sendo como é a Cultura un patrimonio común, trataremos de manter o labor do Consello da Cultura Galega nun terreo tamén común". Partindo desa cita, Manuel Fraga afirmou: "Se hoxe o CCG é unha institución referencial para Galicia, sólida e respectada por todas as demais institucións, entidades e cidadanía en xeral, isto débese, en gran medida a ese labor continuado a favor da consolidación e desenvolvemento da nosa diversidade cultural cun afán de entendemento, de diálogo e de apertura a todas as frontes da nosa Cultura, sen excepcións".

"Neste mundo globalizado actual, que da man de Internet se nos fai omnipresente, só unha sólida base cultural singular pode garantirnos unha axeitada convivencia en plan de igualdade, coa nacente cultura global. Velaí un dos aspectos onde o labor do Consello da Cultura Galega resulta hoxe esencial, pero ainda máis cara ó futuro", afirmou o Presidente da Xunta.

Manuel Fraga expresou a súa confianza no futuro da institución -"da mesma maneira que confiei ata o presente"- e rendiu homenaxe ós anteriores titulares do CCG, Ramón Piñeiro, Xosé Filgueira Valverde e Carlos Casares, "homes de palabra e de palabras", sen esquecer o labor de cantas persoas os acompañaron. Rematou coa felicitación o actual Presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, "elixido para estar á cabeza dunha institución que ó longo das dúas últimas décadas soubo converterse nun referente imprescindible para a nosa Cultura", precisou, para concluir co desexo de que "os vindeiros vinte anos consoliden e incrementen ainda máis ese labor na honra e no beneficio de todo o pobo galego".