Deseguido presentarase da edición facsímile do CÓDICE DE TOLEDO das CANTIGAS DE SANTA MARÍA, do rei Alfonso X "O Sabio"; ofrecerá un concerto o cantautor Amancio Prada e inaugurarase unha exposición bibliográfica dos fondos do CCG. Logo, servirase un cóctel.
UNHA INSTITUCIÓN ÚNICA
O Consello da Cultura Galega, institución única, pola súa configuración, funcións e competencias, no panorama autonómico español, é un organismo autónomo creado polo Estatuto de Autonomía de Galicia para defender e promover a lingua e a cultura de Galicia e asesorar ós poderes públicos galegos.
O Consello da Cultura Galega é un órgano estatutario, asesor e consultivo con capacidade de iniciativa, investigación e organización e integrado por personalidades e representantes das principais entidades culturais do país. Foi creado, conforme prevé o artigo 32 do Estatuto de Autonomía de Galicia, pola Lei 8/1983 do 8 de xullo, do Parlamento de Galicia. Ten personalidade xurídica propia, plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e actúa con independencia respecto dos poderes públicos da Comunidade Autónoma e da súa Administración.
Unha mención das competencias e obxectivos de actuación do Consello pode dar idea das funcións que leva a cabo.
--Fomentar a lingua e a cultura galegas en canto creacións orixinais do pobo galego e entendidas non só como unha herdanza que conservar e transmitir, senón como un ben comunal que cada xeración debe explotar, gozar e arrequentar.
--Investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego, tentando facer accesible a toda a cidadanía de Galicia os productos máis valiosos, tanto da cultura propia coma da cultura universal.
--Analizar cantas cuestións se refiran ó patrimonio cultural galego nas súas diversas facetas e niveis, atendendo á súa preservación, estudio, valorización e difusión
.--Promover actuacións culturais adecuadas ós seus fins, tales como a organización de congresos, seminarios, conferencias ou exposicións, a creación de grupos de pescuda, reflexión ou debate, o establecemento de arquivos ou centros de documentación, a elaboración de estudios ou informes e a realización de publicacións.
--Debe o Consello asesorar e consultar ós poderes públicos da Comunidade Autónoma, especialmente á Xunta e ó Parlamento de Galicia, mais tamén ás deputacións, ós concellos e a outras institucións, e elevar ós poderes públicos galegos informes e propostas a prol da defensa e a promoción dos valores culturais galegos.
Para acometer e dar resposta a todas esas competencias, o Consello da Cultura Galega conta cun órgano de goberno, o Pleno, e unha Comisión Executiva responsable do seguimento da actividade ordinaria.
DOCE SECCIÓNS E CATRO ARQUIVOS
O Consello conta actualmente con doce Seccións e catro Arquivos, que teñen carácter permanente. As Seccións son as de: Antropoloxía Cultural; Arquitectura; Artes Plásticas; Ciencia Técnica e Sociedade; Comunicación; Cultura Galega no Exterior; Dereito Galego; Lingua; Música e Artes Escénicas; Patrimonio Histórico, Patrimonio Natural e, creada recentemente, a de Literatura e Industrias da Edición.
Os arquivos corresponden a: Emigración Galega; Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Arquivo Sonoro de Galicia e Arquivo de Comunicación.
As publicacións están tamén a disposicións dos usuarios a través do portal do Consello (CULTURAGALEGA.ORG), que ofrece información escollida e permanentemente posta ó día e permite acceder a bases de datos e outras fontes de información.
O portal (CULTURAGALEGA.ORG), complementado pola web institucional do Consello (CONSELLODACULTURA.ORG) fala claramente da aposta da institución pola aplicación e utilización das novas tecnoloxías da información e da comunicación para potenciar e proxectar a cultura de Galicia e desde Galicia, favorecendo o imprescindible diálogo intercultural.
O axustado presuposto da institución supera lixeiramente os dous millóns de euros (ou sexa uns catrocentos millóns de pesetas das de antes), dos que só un 25 por cento se destina a gastos de persoal.
"Uns douscentos expertos, investigadores e profesionais traballan a diario desde o Consello da Cultura Galega, a través das redes tecidas nas Seccións e os Arquivos, e con moitas outras contamos e queremos contar para cimentar o xa feito e, sobre todo, para abrir novos camiños en Galicia e desde Galicia", ten dito o Presidente da institución, Alfonso Zulueta de Haz.

