O Códice, actualmente custodiado na Biblioteca Nacional de Madrid, é considerado o máis antigo dos tres existentes. Case seguro coetáneo do propio Afonso X (os outros probabelmente foron confeccionados despois da morte deste), representa a redacción primitiva das "Cantigas de Santa María". Contén 129 composicións, acompañadas da correspondente notación musical, carece de miniaturas mais está escrito nunha fermosa caligrafía (en letra gótica de códices do século XIII), preciosamente ornamentado, con uso de cores e filigranas. O Códice presenta un extraordinario interese lingüístico e musicolóxico, cada vez máis recoñecido polos estudiosos, que o sinalan como unha peza clave na renovación dos estudos sobre as "Cantigas de Santa María".
Trátase do único dos manuscritos das Cantigas que modernamente non foi obxecto dunha edición facsímile. Posteriormente, publicarase unha transcrición do texto acompañada dunha descrición detallada do manuscrito e de diversos estudos sobre a obra. As "Cantigas de Santa María" constitúen o maior cancioneiro mariano medieval (século XIII) e representan un dos cumes absolutos da literatura en lingua galega e un dos monumentos máis representativos da arte europea coetánea.

