----

O MÉTODO E AS FONTES NO ESTUDIO DA MIGRACIÓN GALEGA NO URUGUAI, OBXECTO DUN SEMINARIO NO CCG

O Arquivo de Emigración Galega organiza un seminario para abordar as fontes e a metodoloxía de estudio da inmigración galega en Uruguai durante o período colonial. O relatorio, que terá lugar mañá, martes 24 de setembro, ás 11 horas, na biblioteca do Consello da Cultura Galega, estará a cargo do profesor Carlos Zubillaga Barrera, da Universidade de La República de Montevideo (Uruguai).

Baixo o título de "Hipóteses orientadoras da investigación sobre a proto-inmigración galega no territorio oriental do Uruguai durante o período colonial", o profesor Zubillaga pretende ofrecer un relatorio aberto a tódolos investigadores que se acheguen ó acto. Poñer en coñecemento dos especialistas galegos as posibilidades de estudio deste campo específico dos movementos migratorios galegos, aínda case sen estudiar, e explicar as fontes coas que se pode contar e as posibles metodoloxías a empregar son os principais obxectivos que o relator quere abordar.

O investigador
Carlos Zubillaga é doutor pola Universidade de Bos Aires e actualmente dirixe o Instituto de Ciencias Históricas da Facultade de Humanidades e Ciencias da Educación da Universidade de La República, en Montevideo. A emigración galega en Uruguai, particularmente no Río da Prata, e as investigacións en torno ó asociacionismo e o sindicalismo nesta zona son algúns dos temas máis tratados nas numerosísimas investigacións e publicacións do profesor Zubillaga.