----

AS XORNADAS "A ARQUITECTURA DESDE LISBOA" SUBLIÑARON A NECESIDADE DE REACTIVAR OS ESPACIOS PÚBLICOS E A INTEGRACIÓN DAS PERIFERIAS NOS ENTORNOS URBANOS

A necesidade de reactivar os espacios públicos, como premisa para unha maior calidade de vida, e a integración das periferias nos entornos urbanos foi unha das reflexións suscritas polos relatores das xornadas A ARQUITECTURA DESDE LISBOA, celebradas durante o venres e a mañá do sábado no auditorio do Consello da Cultura Galega, por iniciativa da súa Sección de Arquitectura, que dirixe Iago Seara Morales, coordinador do encontro xunto con Jorge Da Cruz Pinto, profesor da Escola de Arquitectura de Lisboa.

Nove arquitectos lisboetas presentaron, explicaron e debatiron os seus proxectos diante dunha audiencia formada fundamentalmente por uns cen estudiantes das Escolas de Arquitectura de A Coruña e Lisboa. O panel dos relatorios ampliouse coas intervencións dos arquitectos galegos César Portela, Andrés Fernández-Albalat e Juan José González Cebrián.

Foi Michel Toussaint, profesor de Teoría da Arquitectura, quen chamou a atención sobre o problema derivado da falta de integración dos novos espacios periféricos "para evitar a aparición de novos guetos" e referiuse tamén á urxencia de impulsar a vivenda social. Nese plantexamento abundou Andrés Fernández-Albalat, aludindo á falta de equipamentos culturais e criticando as actitudes especulativas. "A cidade faise con vivendas e con espacios públicos e a arquitectura debe estar vencellada á vida", aseguou. Juan José González Cebrián, Director da Escola Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, apostou pola boa arquitectura colectiva, referíndose ó necesario impulso da vivenda social pública, criterio compartido por César Portela, para quen "a calidade da arquitectura non pode depender da promoción privada nin da especulación, mentras que sí é posible facer unha boa arquitectura cunha axeitada promoción das administracións públicas", dixo.

Argumentos semellantes aportaron José Soalheiro, Jorge da Cruz Pinto e José Lamas ó aludir á conveniencia de abrir e levar o debate arquitectónico e urbanístico a outros ámbitos e expertos en diferentes áreas, ampliando así o abano da dimensión e o impacto deste feito cultural.

Fernando Sánchez Salvador e Margarida Gracio Nunes abundaron nesta idea partindo do feito de que a arquitectura interactúa con moitos elementos e precisa de aportacións reflexivas e críticas de intelectuais non directamente relacionados co oficio de crear novos espacios.

Iago Seara, coordinador das xornadas, agradeceu as aportacións dos seus colegas de Lisboa, "factores dunha arquitectura que quere comprometerse coa sensualidade e a plasticidade para provocar unha emoción. Unha plasticidade sincera e auténtica que non deixa de ter en conta a dimensión dos espacios públicos", alomenos á vista dos proxectos aquí presentados", afirmou.

Jorge da Cruz Pinto, agradeceu a iniciativa do Consello da Cultura Galega e do seu colega Iago Seara e aludiu á necesidade de levar a cabo novos proxectos conxuntos coa Sección de Arquitectura, para manter os intercambios e dar a coñecer tamén a arquitectura galega en Lisboa. Iago Seara anunciara xa a realización, neste mesmo ano, dunhas xornadas para coñecer os traballos e os proxectos da Escola do Porto e ofreceu a súa colaboración e a do Consello para outras iniciativas compartidas.

En calquera caso, estas xornadas deben ser contempladas na liña de actividades que o Consello da Cultura Galega está desenvolvendo para abordar a promoción dos valores culturais de Galicia desde unha perspectiva ampla e globalizadora, que ten moi en conta a intensificación dos procesos de transferencia cultural con áreas como a portuguesa, tal e como recordou no acto inaugural o Presidente da institución, Alfonso Zulueta de Haz.