----

NOVAS INICIATIVAS PARA QUE O GALEGO MEDRE CON EUROPA

A sexta edición dos Encontros para a Normalización Lingüística analizará o 14 e o 15 de outubro, na sede do Consello da Cultura Galega, a necesidade de indagar en novas fórmulas para a difusión da lingua, que xa se materializa nos deseños dos planos que están a realizar a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e outras institucións, como as Universidades de Santiago e de Vigo ou o Concello de Santiago de Compostela. Estes catro proxectos abren novas vías no campo da dinamización, partindo de estudios previos sobre a situación do idioma, e nos que se reflicte o apoio dos cidadáns ó incremento da presencia pública do galego pero tamén a caída contínua de falantes entre as xeracións máis novas.

Coma en anos anteriores, o Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística aborda nestas xornadas o labor dos técnicos de normalización, neste caso como persoal da administración pública, e a política da UE respecto á protección das linguas minoritarias.

O presidente do Oficina Europea para as Linguas Minorizadas, Bojan Brezigar, disertará sobre os retos que supón a ampliación europea cara ás comunidades do leste e o conseguinte debate sobre a oficialización das súas linguas, que en diversos casos non superan en número de falantes a moitos idiomas non oficiais da actual Unión. Henrique Costas expoñerá o actual status de normalidade destas linguas non oficiais.

Cambiando de ámbito xeográfico, os VI Encontros tamén lle prestarán atención na última mesa de traballo á situación do galego estremeiro. O profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Fernández Rei, e representantes dos colectivos que loitan pola normalización do galego nos concellos do Eo-Navia, Zamora e O Bierzo debaterán a situación dunha lingua que comeza a contar co respaldo institucional pero que aínda debe conquistar o apoio dos respectivos gobernos autonómicos.