----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA IMPARTIRÁ UN CURSO DE "METODOLOXÍA E CATALOGACIÓN DE RECOLLIDA DE MÚSICA TRADICIONAL"

A profesora Dorothé Schubarth, coautora do "Cancioneiro Popular Galego" e verdadeira especialista a nivel mundial, impartirá entre o 29 de setembro e o 3 de outubro deste ano, no Consello da Cultura Galega (CCG), un curso sobre "Metodoloxías e catalogación de recollida de campo en música tradicional".

O curso, organizado polo Arquivo Sonoro de Galicia, do CCG, está dirixido a persoas que teñan realizado investigacións de campo e/ou recollida de música tradicional e ás interesadas na catalogación dos arquivos de son e nas técnicas de recompilación. O secretario do Arquivo Sonoro de Galicia, Rodrigo Romaní, presentou hoxe esta iniciativa que definiu tamén como "un xeito de retribuir o compromiso e o traballo da directora que foi quen de realizar a obra maís completa, interesante e "científica" en relación co noso patrimonio literario-musical".

As prazas disponibles son 15 e os aspirantes deberán presentar tres cántigas (en soporte CD ou casete) recollidas directamente por cada alumno e acompañadas de cadansúa transcrición e dun pequeno comentario sobre as circunstancias da gravación e dos informantes. Da selección encargarase persoalmente Dorothé Schubarth.

Os traballos deberán enviarse a:Consello da Cultura Galega-Arquivo Sonoro de GaliciaPazo de Raxoi, 2º andarPraza do Obradoiro15705-Santiago de Compostela (Teléfono 981-957202).O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 30 de xullo e a matrícula formalizarase do 15 ó 26 de setembro.