----

O CCG COLABORARÁ COA FUNDACIÓN ALEXANDRE BÓVEDA PARA RECUPERAR UN DOCUMENTO COA VOZ DO ILUSTRE GALEGUISTA

Co gallo da celebración do primeiro centenario do nacemento de Alexandre Bóveda, o Consello da Cultura Galega e a Fundación que leva o nome do ilustre galeguista decidiron levar adiante un proxecto en común como é a dixitalización dunha gravación orixinal da Coral Polifónica de Pontevedra coa voz de Alexandre Bóveda.

Con tal motivo, o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Fernando Quintela acompañado do fillo do galeguista, Xosé Luís Bóveda, manterán un encontro co presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta, no que lle farán entrega do documento sonoro nun acto que terá lugar mañá, martes, 18 de febreiro, ás 12 h. Trátase dunha gravación orixinal en soporte de lousa da Coral Polifónica de Pontevedra coa voz de Alexandre Bóveda e que a Fundación data entre 1928 e 1929.

O Consello da Cultura Galega comprometeuse a dixitalizar este documento así como a preparar unha edición desta gravación. Do mesmo xeito, o presidente da Fundación Bóveda, Fernando Quintela, aproveitará o encontro entre ambas as institucións para informar doutras actividades que a Fundación ten previsto levar adiante, entre elas a presentación dun sitio web arredor da figura deste ilustre, www.alexandreboveda.org.

Alexandre Bóveda, nado en 1903, é unha figura absolutamente decisiva na redacción e saída adiante do Estatuto de Autonomía de Galicia e agora quérese traballar pola recuperación da súa memoria.