Manuel Fraga destacou que "esta exposición descúbrenos, unha vez máis, que nunca faltaron nesta terra decididos, emprendedores, cunha ampla visión do mundo e cun gran espírito e curiosidade científicos". Para o Presidente da Xunta, "Antonio Casares -o científico que creou a primeira experiencia con electricidade- aportaron o seu gran de area ó que sería anos despois, un elemento imprescindible para o desenvolvemento mundial".
Carlos Casares, pola súa banda, agradeceu á Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade a súa iniciativa: "cando o Consello creou esta sección, fíxoo coa intención de que non se poden facer divisións entre a cultura humanística e a cultura científica". Casares suliñou asímesmo que esta exposición "pode ser unha aportación á futura Cidade da Cultura".
A exposición A noite está varrida da terra pódese visitar na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o 30 de xuño. Amosa numerosas pezas procedentes das investigacións dos Gabinetes Científicos da Universidade de Santiago, ademais de diversos centros de ensino secundario, máquinas e instrumentos que permiten comprender a historia da
electricidade ó longo do século XIX.
Con esta mostra preténdese recoller os esforzos experimentais que institutos, seminarios, colexios privados e a propia Universidade de Santiago fixeron neste século, amosando parte do espléndido patrimonio científico, 331 pezas inventariadas no campo da electricidade, que aínda se conservan.
Material didáctico
A mostra quere chamar a atención sobre científicos como Antonio Casares, creador dos Gabinetes Científicos da USC, escritor de libros orientados á industria, así como investigador en numerosos campos da ciencia, especialmente a química e a física.
A exposición pretende ser un punto de referencia para os profesores de ciencias do ensino secundario e, neste sentido, porase a disposición dos visitantes material didáctico específico para alumnos de ESO e Bacharelato, ademais de ofrecer a posibilidade de que os estudiantes poidan manipular réplicas dalgúns dos aparellos empregados nos experimentos, a través dun obradoiro de electricidade


