----

FREIXANES REIVINDICA UNHA GALICIA QUE AFRONTE Ó DESAFÍO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS, "PORQUE SE NON DEIXAREMOS DE EXISTIR"

Os desafíos que se lle presentan a Galicia para non quedar excluída da sociedade do coñecemento, os retos que presentan a incorporación ás novas tecnoloxías e a situación na que se atopa o noso país, centraron a presentación que do libro Información, tecnoloxía e territorio: Galicia fronte á sociedade do coñecemento", fixo o seu coordinador, Xosé Carlos Arias, nun acto que tivo lugar esta mañá no Consello da Cultura Galega.

O CCG foi o encargado de levar adiante a edición bilingüe desta obra (galego- inglés), que xurdiu a partir dun seminario que tivo lugar o ano pasado na Universidade de Vigo, un seminario no que se propuña unha reflexión en voz alta sobre o papel que Galicia pode desenvolver na sociedade do coñecemento, tal e como puxo de manifesto o coordinador da Sección de Ciencia, Sociedade e Tecnoloxía, Francisco Díaz-Fierros, quen se encargou da facer a presentación do acto.

O autor do libro, Xosé Carlos Arias, destacou que esta obra recolle as relatorios dunha ducia de expertos que participaron naquelas xornadas e ós que se lles pediu que "reformularan as súas exposicións e as transformaran en artigos", o que fixo que este libro non sexa unha sinxela publicación de actas senón "unha visión poliédrica dun asunto tan complexo como é a sociedade do coñecemento".

O atraso de Galicia
O atraso considerable que sofre Galicia na penetración de Internet, a penas dun 15%, cinco puntos por debaixo da media estatal, a falla de estructura empresarial con capacidade de penetración do mercado exterior ou a escasa penetración do cable foron algúns dos aspectos negativos que fan que Arias faga un balance negativo da situación de Galicia fronte á sociedade do coñecemento, "aínda que sen afundirse no pesimismo porque existe a posibilidade de incorporarnos".

Nesta mesma liña expresouse Víctor F. Freixanes, quen participou na presentación do libro por ter participado no seminario do ano pasado, aínda que finalmente a súa intervención non quedara reflectida no volume. "Galicia non está no 3º mundo senón no primeiro", asegurou Freixanes, "pero estamos esquinados e agora, nesta situación de paso da sociedade da información á do coñecemento, temos a oportunidade de colocarnos na vangarda". "É un reto e un desafío do que non podemos quedar apartados", afirmou Freixanes, quen centrou a súa intervención en facer fincapé na necesidade de situar a identidade galega neste novo discurso porque se non "deixaremos de existir", recalcou.

Neste sentido, Freixanes expuxo que este gran reto que se presenta á identidade galega céntrase en tres frontes: a necesidade de establecer unha política de investimentos en infraestructuras de comunicación, a través dun pacto de tódalas forzas políticas, a formación de usuarios que poidan extraer tódalas avantaxes da sociedade da comunicación e, en terceiro lugar, a formación de capital humano "que nos permita contar con profesionais capacitados para formar". O profesor Freixanes rematou a súa intervención facendo fincapé na necesidade de que Galicia se decida por fin a ir na busca da trabe de ouro que é a sociedade que nos ven, "sen medo de bater coa de alcatrán".