Os datos máis ó día sobre os riscos, tanto animais como humanos, e as súas proxeccións de cara ó futuro, son algúns dos obxectivos que persegue esta reunión de expertos. Segundo os organizadores, a convocatoria desta xornada, pasado un tempo dos momentos máis dramáticos da crise, responde á pretensión de facer unha análise do problema dun xeito global e construír propostas de xestión e comunicación rigurosa en situacións de crise alimentaria e sanitaria.
Na xuntanza participarán expertos en medicina, veterinaria, socioloxía e antropoloxía xunto con outros de colectivos afectados, a maior parte deles pertencentes á comunidade galega. Asímismo, participarán investigadores doutras zonas do Estado.
Tres serán os aspectos principais que serán obxecto de estudio por parte de distintos grupos de traballo: análise do risco, coordinado polo membro da Área de Neuroloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago, Alfredo Robles Bayón, xestión do risco, dirixido pola Subdirectora Xeral de Programas de Saúde Pública do Servicio Galego de Sanidade, Sagrario Pérez, e comunicación e percepción do risco, coordinado polo antropólogo da Universidade da Coruña, José Antonio Fernández de Rota y Monter.
Conclusións
Ó final da xornada, tódolos participantes na xuntanza reuniranse para redarcar un documento onde se recollan os puntos e leccións máis salientables da crise, chegando unha conclusións sobre como se xestionou o risco, os acertos e os erros, e sobre todo, as experiencias que poden ser útiles de cara ó futuro.

