----

O DESEÑADOR MARIO GARCÍA IMPARTIRÁ UNHA CONFERENCIA NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

O Consello da Cultura Galega contará coa presencia do doutor Mario García, experto consultor no campo do redeseño de xornais impresos e electrónicos, que será o encargado de impartir un seminario e unha conferencia maxistral mañá mércores, día 4 de abril. O grupo empresarial Unión Fenosa participa na organización deste evento, que terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega, no segundo andar do Pazo de Raxoi.

A conferencia, que terá lugar o mércores pola tarde, ás 19,00 h. no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, está aberta ó público que desexe asistir á intervención de Mario García.

Este experto deseñador tamén impartirá seminario o mesmo día pero pola mañá baixo o título Novas Tendencias Mundiales no deseño da prensa tradicional e electrónica. O seminario está dirixido únicamente ós profesionais do deseño que traballan nas diferentes publicacións periódicas de toda Galicia.

A Sección de Comunicación do Consello da Cultura foi a encargada de organizar a conferencia e o seminario, ó que acudirán 30 deseñadores.

Deseñador de máis de 450 xornais
Mario García é mundialmente coñecido como experto no deseño de xornais impresos e electrónicos. De orixes cubanas, este asesor dalgúns dos principais grupos de comunicación do mundo, tiña participado no deseño de preto de 450 xornais en 35 países a finais do pasado ano.

Propietario da empresa Mario Garcia Group, radicada nos Estados Unidos, está especializado no desenvolvemento do deseño de publicacións, e especialmente en crear contornos nos cales publicacións existentes poden facer unha fácil transición cara a publicación electrónica.