"O deseño dos xornais nos próximos anos será minimalista, moi austeiro, moi preocupado polo contido", asegurou o deseñador, director de Mario García Media Group e un dos máis prestixiosos profesionais da prensa na actualidade no mundo.
Mario García analizou as claves do deseño nos próximos anos: "ter moi en conta a relación coa versión electrónica baixo a estratexia da complementación entre os contidos da edición dixital e a edición en papel". García asegurou que os xornais "deben ter un editor de contidos online que participa das decisións da redacción en papel".
A conferencia foi retransmitida a través de Internet coa colaboración da Radio Galega (Compañía de Radio Televisión de Galicia)
Deseñador de máis de 450 xornais
Mario García é mundialmente coñecido como experto no deseño de xornais impresos e electrónicos. De orixes cubanas, este asesor dalgúns dos principais grupos de comunicación do mundo, tiña participado no deseño de preto de 450 xornais en 35 países a finais do pasado ano.
Propietario da empresa Mario Garcia Group, radicada nos Estados Unidos, está especializado no desenvolvemento do deseño de publicacións, e especialmente en crear contornos nos cales publicacións existentes poden facer unha fácil transición cara a publicación electrónica.


