A primeira mesa redonda da xornada estivo dedicada á radio e contou coa intervención de Ana Romaní, directora do Diario Cultural da Radio Galega, Pedro Díaz, responsable da información cultural en Radio Nacional de España en Galicia e Henrique Sanfiz, que acudiu para falar da achega cultural que se fai desde as emisoras de carácter municipal.
A falla de medios humanos e a dificultade de manter un equilibrio entre a divulgación e a análise de contido, marcou boa parte da mesa redonda na que todos os relatores coincidiron en falar da radio como a "irmá pobre por partida triple", fronte á prensa ou a televisión. Pedro Díaz tamén destacou que a información cultural en Galicia ten un carácter puntual con illotes como o programa que dirixe Ana Romaní polo que a única opción, segundo asegurou Henrique Sanfiz, sería empregar o sistema de divulgación actual para propagar a información cultural.Mellor si, pero non máis tempo.
No que todos os intervenientes estiveron de acordo foi en que a cultura non produce grandes audiencias, algo que tamén se puxo de manifesto na mesa redonda dedicada á televisión, mesa que contou coa participación de Francisco López Barxas (TVG), Octavio Rodríguez (TVE- Galicia), Mercedes Vázquez (Tele20 Chantada) e Xabier Otero (Localia Santiago). Cada un fixo un repaso polo tratamento e os programas informativos de carácter cultural que mantén cada unha destas canles e, aínda que estiveron de acordo en afirmar que seguramente o xeito de elaborar esta información podería mellorarse, puxeron en dúbida que se puidese chegar a ampliar o tempo de información que se lle dedica á cultura. Neste sentido, Xabier Otero destacou que La2, sendo unha canle dedicada á cultura, é a televisión menos vista en España dentro das xeralistas.
Durante a xornada tamén houbo oco para a presentación dun Informe sobre a información cultural nos medios de comunicación en Galicia, elaborado pola Sección de Comunicación do CCG. O informe, nado co obxectivo de analizar a idea que reflicten os medios galegos da cultura, tomou como mostra unha semana en que se baleirou o contido informativo de 12 diarios, 6 radios, 3 televisións e 3 portais de internet xeralistas. Entre as conclusións pódese destacar que os medios enfocan a cultura como lecer, escollendo actos de axenda aos que se lles dedica pouco espacio e que adoitan ser de carácter localista.
A última das mesas redondas estivo dedicada aos medios electrónicos e contou coa participación de Anxo Quintela, responsable de Vieiros Santiago, Antonio Sangiao, director de Xornal.com, Susana Evangelista, responsable de Galicia Diario e Manuel Gago, director do portal do Consello da Cultura Galega, Culturagalega.org.
Os II Encontros "A información cultural en Galicia" remataron coas intervencións de Manuel Pares i Maicas, da Universidade Autónoma de Barcelona e de Ricardo Pérez – Amat, da Universidade Rey Juan Carlos I, baixo o título xenérico "A comunicación e a cultura no mundo".

