<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/10/inauguracion_mesa.jpg" alt="inauguracion_mesa.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Ramón Villares, Julio Fernández Gayoso, Emilio Pérez Touriño, Ánxela Bugallo e José Luis Pego, na presentación que se levou a cabo no Centro Social Caixanova de Vigo</em> </div>
<em>Vigo, 1 de outubro de 2008.-</em> Catrocentas persoas asistiron esta tarde no auditorio do Centro Social Caixanova, en Vigo, ao acto inaugural da exposición <a href="http://www.culturagalega.org/25anos.php">"Galicia 25. Unha cultura para un novo século"</a> organizada polo Consello da Cultura Galega. Presidiu o Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, acompañado pola Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e ambos os dous louvaron a función desempeñada polo CCG, desde a súa creación en 1983, como "lugar de encontro" e "observatorio privilexiado". O Presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, felicitouse pola colaboración e a acollida "dun traballo ben feito" e o titular do CCG, Ramón Villares lembrou que a institución "axudou a transformar e modernizar o sector da cultura, pero os méritos son claramente colectivos, de persoas e institucións distintas, aínda que non alleas, ao propio Consello". A exposición, que ocupa unha sala do Centro Cultural e dúas do Centro Social de Caixanova, poderá verse ata o 30 de novembro. Moi logo percorrerá outras cidades galegas e viaxará tamén a Portugal.
<!--more-->
Emilio Pérez Touriño lembrou o rango estatutario e as funcións consultiva e de alta asesoría do CCG para coa Xunta e as administracións públicas galegas en materias patrimoniais e culturais e salientou o feito de terse convertido en "lugar de encontro, en casa común da cultura" biaxo os vectores da calidade e da pluralidade.
“Calidade porque o Consello, aínda sendo unha institución aberta á sociedade e con vocación de dialogar con ela, nunca se deixou arrastrar polas tentacións demagóxicas, nin polo populismo cultural”. E pluralidade, “porque foi capaz de situar o seu traballo por riba dos debates partidarios e de acoller nas súas seccións, comisións e órganos de dirección a persoas das máis variadas tendencias que, á súa vez, souberon poñer o enriquecemento da cultura galega por riba das súas particulares inclinacións ideolóxicas”, afirmou para, deseguido, engadir: “Que unha institución destas características chegase ata hoxe plenamente operativa e adornada por unha ampla folla de servizos é a mellor proba de que a súa creación, no propio Estatuto de Autonomía de Galicia, foi unha boa decisión e un grande acerto”.
O Presidente da Xunta salientou que este rango estatutario do Consello representa, non só unha importante condición institucional, senón tamén o carácter constitutivo que a cultura, entendida como piar esencial da identidade galega, tivo na conformación política e xurídica de Galicia como Comunidade Autónoma. Un papel sobranceiro desempeñado pola cultura na conformación da conciencia de Galicia que, segundo lembrou, tamén estivo moi presente nos anos de transición á democracia e da conquista e elaboración da Autonomía.
Pola súa parte, a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, chamou a atención sobre o feito de que, na conmemoración dos seus primeiros 25 anos (1983-2008), o CCG decidira acometer a organización dunha mostra-balance do camiño percorrido por Galicia no ámbito cultural, un sector decisivo na posta en marcha e na configuración da autonomía galega.
Ánxela Bugallo referiuse ao CCG como "observatorio privilexiado que sempre foi á para da cultura galega" e aludiu á necesidade de continuar o compromiso e o apoio aos creadores e ás institucións que permiten que Galicia se dea a coñecer e se faga ouvir.
A esa idea aludira tamén Victor F. Freixanes, comisario da exposición xunto con Henrique Monteagudo e Iago Seara, para quen a mostra "e un escaparate da cultura galega, a imaxe dun país en marcha que ten algo que dicir e quere dicilo".
Julio Fernández Gayoso, Presidente de Caixanova, entidade que colabourou co CCG nesta iniciativa, e a quen acompañou na mesa presidencial José Luís Pego, Director Xeral de Caixanova, louvou a traballo realizado e salientou a importancia da mostra, destacando o feito de que ocupa tres das catro salas dispoñibeis.
<strong>BALANCE E PROPOSTA DE FUTURO</strong>
O Presidente do CCG, Ramón Villares, falou da exposición como balance e proposta de futuro. "O balance non é labor da institución que a promoveu, senón de toda a fartura cultural que viviu a Galicia autonómica, que case coincide plenamente coa vida do propio Consello da Cultura Galega. Trátase dun balance dos mellores e atinados pasos, tanto nos seus resultados concretos como nas identidades dos seus actores principais", porque "se algo cómpre suliñar deste cuarto de século é, xustamente, o alargamento da cultura cara a capas sociais e referentes institucionais que tradicionalmente se mantiveran á marxe dela ou nun discreto lusco-fusco".
Para Villares, "a panorámica que se poderá obter, nos paneis da Exposición e nos contidos do catálogo, é que a cultura galega está hoxe a considerable distancia da situación que tiña a principios dos anos oitenta, daquela aínda ben presa do resistencialismo e dun certo enxebrismo. Dáse como dato certo que a Galicia autonómica experimentou unha radical transformación económica, social e territorial nestes últimos tempos. Concordo coa diagnose. Pero nesa mudanza cómpre colocar tamén o sector da cultura, un sector que ten sido decisivo na configuración da autonomía galega, pero tamén no seu posterior desenvolvemento e asentamento".
Villares recordou que a cultura galega "ten hoxe cultivadores que constituen un valor colectivo, propiamente de país, que se sitúa mesmo por riba das súas propias cabezas. Na escrita, na música, na ciencia, nas artes plásticas, na banda deseñada, no cinema ou na arquitectura, posue Galicia nomes de homes e mulleres que permiten andar coa cabeza ben alta polo mundo adiante".
O Presidente do CCG agradeceu a colaboración de Caixanova, o traballo dos comisarios e os técnicos do Consello, o labor das empresas Merlín Comunicación e Imago Mundi, o apoio dos membros do Plenario do Consello e as axudas da Consellería de Cultura e da Presidencia da Xunta para cumprir o lema "crear cultura, imaxinar país", escollido pola institución para conmemorar os seus primeiros 25 anos. "Teño a certeza, afirmou, de que a andaina aquí comezada terá longo recorrido" porque "proxectarnos cara fora é misión que nós todos debemos acometer para contribuir a fixar a nosa propia imaxe de país e así evitar ignorancias como as descobertas hai poucas semanas. A laboría do Consello, que goza dunha ampla experiencia neste terreo, vaise acrecentar aínda máis no futuro".
O acto inaugural da exposición contou coa presenza de representantes de empresas, actividades, industrias culturais e editoriais, do mundo universitario e doutros sectores sociais de Vigo e Galicia, así como de autoridades e representacións da Administración galega e do Concello de Vigo, encabezadas polo primeiro tenente de Alcalde, Santiago Domínguez Olveira.

