A sesión foi a primeira celebrada baixo a presidencia de Alfonso Zulueta de Haz, elixido para o cargo o pasado 17 de abril, despois do inesperado pasamento de Carlos Casares.
Francisco Díaz-Fierros é catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago é coordinador da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do CCG.
Victor F. Freixanes, escritor, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, foi nomeado recentemente Director Xeral de Editorial Galaxia e é membro da Sección de Comunicación do CCG.
O pleno coñeceu o informe de xestión e das actividades desenvolvidas no primeiro semestre do ano por iniciativa das once seccións e dos catro arquivos da institución.
Unha parte importante desa actividade -libros, conferencias, exposicións e un cobizoso proxecto de catalogación e publicación da súa obra inédita- xirou arredor da figura de Frei Martín Sarmiento, figura honrada este ano no Día das Letras Galegas.
O Presidente do CCG, Alfonso Zulueta, deu a benvida ós novos membros do pleno, Senén Barro, rector da Universidade de Santiago, e Blanca Jiménez, en representación da Fundación Penzol e anunciou tamén a próxima posta en marcha da Fundación "Carlos Casares", na que o Consello estará representado polo seu presidente.
Alfonso Zulueta lembrou que nos tres meses que leva no cargo
"continuouse a acción e a capacidade integradora dunha institución imprescindible para a nosa cultura e para o futuro deste noso país".
O Presidente lembrou ós seus antecesores, e particularmente a Carlos Casares, e afirmou: "É desde a acción e dinamización cultural -aberta ó mundo e coa conciencia clara da nosa historia e dos nosos compromisos co país e con nós mesmos- como poderemos servir a Galicia e honrar e agrandar o legado de Carlos Casares, Xosé Filgueira Valverde e Ramón Piñeiro".
O Consello da Cultura Galega cumplirá en 2003 os seus primeiros vinte anos.

