----

O ESCRITOR ELADIO RODRÍGUEZ RECIBIRÁ UNHA HOMENAXE NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

A través dunha conferencia e da presentación da edición facsimilar do libro Folerpas e dun vídeo, que terán lugar o vindeiro mércores, 16 de maio, o Consello da Cultura Galega ten previsto unirse ós actos programados para homenaxear ó escritor e xornalista, Eladio Rodríguez, ó que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

A conferencia do profesor Antón Santamarina baixo o título Eladio Rodríguez, lexicógrafo, abrirá o programa de actividades coas que esta institución conmemora o Día das Letras Galegas. O acto terá lugar no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega ás 12 h..

Pola tarde, procederase á presentación da edición facsimilar que o Consello da Cultura Galega realizou da obra de Eladio Rodríguez, Folerpas. Do mesmo xeito, tamén se presentará o vídeo Os mutis de Don Eladio. Palabras e silencios de Rodríguez González, obra de José Antonio Durán. Estes dous actos están previstos para o mércores, 16 de maio, ás 19 h, na sede do Consello da Cultura Galega, no Pazo de Raxoi.

Novo sitio web
Dentro dos actos previstos para o Día das Letras Galegas, xoves 17 de maio, o Consello da Cultura Galega ten prevista a presentación da súa nova web corporativa, rediseñada e cuns contidos actualizados. O novo sitio www.consellodacultura.org substituirá a partir de mañá á antiga dirección (http://ccga.xunta.es), ofrecendo os contidos informativos mellor estructurados e incrementando á interactividade co usuario.

Con este novo esforzo, o Consello da Cultura Galega quere continuar na liña da evolución coas novas tecnoloxías, achegándose así a un maior público.