----

A COMISIÓN EXECUTIVA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA REUNIRASE O 20 DE MAIO NO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará o martes, día 20 de maio, ás 12´30 horas, unha reunión no Museo Provincial de Lugo.Entre outros asuntos, estudiará o establecemento dun convenio co Taller de Restauración de Instrumentos da Deputación Provincial luguesa.

Os membros da Comisión Executiva, que preside o titular do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, visitarán con anterioridade a Casa de Perros, en Sarria, pertencente á familia de Frai Martín Sarmiento e o Centro de Artesanía da Deputación, así como as dependencias do Museo Provincial. O Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria, contemplada no Estatuto de Autonomía de Galicia e creada por lei do Parlamento Galego en 1983.

Órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización e orientado á defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, o Consello está formado por representantes de entidades e por personalidades sobranceiras dos distintos ámbitos da cultura galega. A Comisión Executiva do CCG está integrada polos vicepresidentes Ramón Castromil e Francisco Díaz Fierros e o secretario, Henrique Monteagudo. Ás reunións asiste tamén o xerente do Consello, Antonio Montero Carro.