<em>Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2008.</em>- A exposición <a href="http://www.culturagalega.org/25anos.php">"Galicia 25. Unha cultura para un novo século"</a> organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración con Caixanova, será inaugurada o día 1 de outubro ás oito da tarde no auditorio do Centro Social da entidade de aforro en Vigo, polo Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a quen acompañarán a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, os presidentes do Consello da Cultura e de Caixanova, Ramón Villares e Julio Fernández Gayoso, respectivamente, e Victor F. Freixanes, un dos comisarios. A mostra, instalada nas salas dos Centros Cultural e Social de Caixanova, poderá contemplarse ata o 30 de novembro. O Consello da Cultura culmina así o programa de actividades levado a cabo neste ano para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008) baixo o lema “crear cultura, imaxinar país”.
<!--more-->A exposición, conformada por 25 módulos ou unidades temáticas, “non é un inventario, senón mais ben unha mensaxe de futuro e unha expresión da pluralidade e do policentrismo da cultura galega”, en expresión de Ramón Villares, para quen o feito de comezar en Vigo o percorrido supón “un recoñecemento ao carácter desta cidade como motor económico, industrial e tamén cultural”. Estructurada baixo as denominacións “formas e espazos”, “palabras, imaxes e sons” e “fíos e desafíos” a exposición, comisariada por Victor F. Freixanes, Iago Seara e Henrique Monteagudo, abrangue arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos mais novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo por todos os camiños ou navegando outros mares.
<strong>SESIÓN PLENARIA DO CONSELLO DA CULTURA EN VIG</strong>
Coincidindo coa inauguración da mostra, o Pleno do Consello da Cultura Galega reunirase en Vigo nas dependencias do Pazo de San Roque o día 1 de outubro ás 17 horas. Previamente os integrantes do máximo órgano de goberno do CCG asistirán no mesmo lugar a un xantar ofrecido por Julio Fernández Gayoso, Presidente de Caixanova. É a primeira vez que unha sesión plenaria do CCG ten lugar fora de Santiago de Compostela, onde ten a súa sede a institución. Logo da sesión, ás 18´30 horas, o Presidente do CCG e os vocais do Pleno xirarán visita á exposición. Nesta sesión plenaria o Presidente do Consello, Ramón Villares, dará conta das actividades levadas a cabo ao longo deste ano e coñeceranse tamén os informes dos coordinadores das seis áreas de traballo dacordo coa reestructuración aprobada no pleno celebrado o pasado 10 de xullo. As seis áreas e os seus coordinadores son:Lingua, Literatura e Comunicación (Victor F. Freixanes). Música e Artes Escénicas (Ramón Castromil Ventureira). Ciencia, Natureza e Sociedade (Francisco Díaz-Fierros). Patrimonio e Bens Culturais (Iago Seara Morales). Pensamento e Sociedade (Ramón Máiz Suárez). Creación e Artes Plásticas (María Luísa Sobrino).O Consello conta tamén con catro Arquivos: Emigración Galega, Comunicación, Sonoro e Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, ademais de varias Comisións Técnicas.
<strong>UNHA INSTITUCIÓN ESTATUTARIA</strong>
O Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria. A súa existencia ven determinada polo Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 32 e responde ás obrigas e facultades que, para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego corresponden á Comunidade Autónoma . Foi creado por Lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo). Réxese por esta Lei e polo Regulamento posterior, aprobado pola xunta de Galicia (Decreto 237/2000, do 29 de setembro). O CCG é un órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización e ocúpase da defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Está integrado por representantes de entidades e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega. Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus obxectivos e actúa con independencia respecto aos poderes públicos da Comunidade Autónoma e da súa Administración. No Pleno, o máximo órgano de goberno, están representadas: as tres universidades galegas, a Real Academia Galega, a Academia Galega de Xurisprudencia e Legislación, o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, a Real Academia Galega de Ciencias, a Real Academia Galega de Belas Artes, o Instituto da Lingua Galega, o Instituto de Estudios Xacobeos, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, a Fundación Penzol e os museos de Galicia. O Pleno conta con vintecinco conselleiros: un nato, dez electivos e catorce representativos. O mandato dos vocais do Pleno así como dos membros e cargos do CCG pode abranguer ata oito anos en dous períodos.

