----

O CCG PATROCINA UN COLOQUIO E UNHA MOSTRA SOBRE O TRABALLO DOS MUSEOS NA SOCIEDADE

O presidente do Consello Galego de Museos e director do Museo do Pobo Galego, Carlos García Martínez, e o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo foron os encargados de face-la presentación do VII Coloquio Galego de Museos nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega.

Baixo o lema Museos: construíndo a comunidade, este encontro desenvolverase entre o 26 e o 28 de setembro na sede do Museo do Pobo. Alí reuniranse expertos procedentes de Francia, Noruega e Portugal con especialistas na materia do noso país para poñer en común as distintas experiencias en torno á conservación e difusión do patrimonio que albergan os museos.

O museo, elemento activo
Estructurado en tres bloques - Patrimonio e Museos, Museos e Identidade: a contribución dos museos na afirmación da conciencia nacional e Museos e desenvolvemento - , responsable do Museo do Pobo Galego, aproveitou a presentación destas xornadas para facer un repaso polas temáticas que xa foron abordadas nos encontros de pasadas edicións, que se celebraron en localidades como Coruña, Pontevedra ou Melide.

Patrocinado pola Xunta, o VII Coloquio Galego de Museos pretende facer fincapé na importancia do papel social dos museos como institución ó servicio da sociedade, un servicio que obriga a estas entidades a unha continua renovación e desenvolvemento.

Mostra "Museos de Galicia"
Co obxectivo de completar estes coloquios, o Consello da Cultura Galega foi o encargado de artellar unha exposición para achegar á xente o mundo dos museos, "moi descoñecido na sociedade e que servirá para achegarnos un pouco á sociedade", asegurou Carlos García. Nesta mostra, na que estarán representados trinta museos inaugurarase tamén o vindeiro xoves, 26 de setembro, no mesmo acto que os coloquios e permanecerá na sede do Museo do Pobo Galego ata finais do mes de outubro.

Segundo asegurou o presidente do Consello Galego de Museos, con esta exposición "preténdese demostrar o potencial dos museos como conservadores e transmisores da identidade dun pobo", ademais de proseguir traballando para "incrementar o atractivo dos museos para as comunidades nas que se integran", afirmou García Martínez.