<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/10/pres_expo25.jpg" alt="pres_expo25.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Guillermo Brea, Ramón Villares, Julio Fernández Gayoso, Víctor F. Freixanes e Iago Seara, na presentación que tivo lugar en Vigo</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2008</em>.- A exposición <a href="http://www.culturagalega.org/25anos.php">"Galicia 25. Unha cultura para un novo século"</a> é "un fito histórico" para Julio Fernández Gayoso, Presidente de Caixanova; "unha mensaxe de futuro e proxección cara ao século XXI", segundo Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega; "unha mostra de autoestima" para Victor F. Freixanes e "unha mirada intelixente e sensible" na expresión de Iago Seara. Os catro presentaron este mediodía en Vigo o proxecto e o catálogo dunha mostra que será inaugurada nas salas de exposicións de Caixanova, en Vigo o día 1 de outubro. O Consello da Cultura Galega completa con esta exposición, que terá carácter itinerante, o programa de actividades e iniciativas que ao longo deste ano levou a cabo para conmemorar o seus primeiros 25 anos (1983-2008).
<!--more-->
Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, salientou durante o acto celebrado na sede central de Caixanova en Vigo, o que que cualificou como "excepcional exemplo de cooperación por parte da iniciativa privada e das institucións públicas". Unha idea do CCG acollida e apoiada por Caixanova que contou tamén coas contribuciòns da Presidencia da Xunta de Galicia e da Consellería de Cultura e Deportes. Villares chamou a atención sobre a importancia e a significación da cultura "como elemento sustancial da identidade do país e compoñente decisivo na configuración da Galicia da Autonomía"
A mostra, conformada por 25 módulos ou unidades temáticas, e que ocupará tres salas nos Centros Cultural e Social de Caixanova, "non é un inventario, senón mais ben unha mensaxe de futuro e unha expresión da pluralidade e do policentrismo da cultura galega", afirmou Ramón Villares, para quen o feito de comezar en Vigo o percorrido supón "un recoñecemento ao carácter desta cidade como motor económico, industrial e tamén cultural".
Para Victor F. Freixanes, comisario da exposición xunto con Iago Seara e Henrique Monteagudo, "Galicia 25" é "un escaparate da cultura galega, a imaxe dun país en marcha que ten algo que dicir e quere dicilo, unha cultura e un idioma con capacidade para dialogar e interactuar con outras culturas e outros idiomas en igualdade de condicións, sen arrogancias e sen complexos".
Na opinión do Presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, a mostra "marcará un fito" e aparece como a expresiön "dun traballo ben feito" que deberá ser contemplado asemade nas principais cidades de Galicia e tamén en Portugal.
Estructurada baixo as denominacións "formas e espazos", "palabras, imaxes e sons" e "fíos e desafíos" a exposición abrangue arquitectura e identidade, cultura ambiental, espazos da comunicación, deseño e industria, historias debuxadas, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos mais novos, o libro, imaxes e ficcións, artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galicia no mundo por todos os camiños ou navegando outros mares.
"Galicia 25. Unha cultura para un novo século. Consello da Cultura Galega 1983-2008" poderá contemplarse en Vigo desde o 1 de outubro, a inaguración será ás 20 horas, ata o 30 de novembro.

