É ésta unha das conclusións do estudio O PRESTIGE NA PRENSA GALEGA NO 2002, levado a cabo pola Universidade de Santiago e o Consello da Cultura Galega (CCG) e presentado hoxe nesta institución cultural por María Pilar Jiménez Aleixandre, directora do traballo, e Francisco Díaz Fierros, coordinador da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do CCG.
O traballo é parte dun proxecto máis amplo -COMUNICACIÓN E MEDIO AMBIENTE. COBERTURA DE CUESTIÓNS AMBIENTAIS NA PRENSA GALEGA- pero a trascendencia e a repercusión do "Prestige" levaron á elaboración dun monográfico co seguimento das informacións impresas en novembro-decembro 2002 que ha completarse coas novas referidas á catástrofe ó longo de 2003. Para elo revisáronse diariamente os xornais LA VOZ DE GALICIA, O CORREO GALEGO, FARO DE VIGO, EL PROGRESO e LA REGIÓN.
O estudio destaca a ampla e duradeira cobertura da catástrofe en tódolos medios e o feito de que se mantivera como noticia principal desde o comenzo. "Ese esforzo editorial, di o informe, faise patente no número e tratamento das portadas (noticia de saída e tempo de permanencia) que para o tema do "Prestige" supón un caso excepcional na historia do xornalismo galego. Outro indicativo da prominencia deste suceso é a importante proporción de rexistros do xénero interpretación (reportaxes, crónicas e entrevistas) e sobre todo do xénero opinión (cartas, artigos e viñetas), que dan a medida da repercusión social do "Prestige" en comparación cun período estandar (os meses de abril e maio de 2002".
Por outra parte, o estudio indica que o número de rexistros do tópico "Prestige" presenta diferencias importantes entre as distintas cabeceiras. "Resulta evidente, afirma, que para "La Voz de Galicia" (937) e "Faro de Vigo" (744) este tema merece unha maior atención editorial que para o restos dos xornais. Mesmo "O Correo Galego" (384), que ten intención de orientarse ó conxunto de Galicia, presenta un número de rexistros similar a "El Progreso" (358), superior a "La Región" (243) e inferior a "Faro de Vigo", xornais de carácter máis local".
Destaca o informe o feito de que hai un maior número de noticias (762) con orientación ético-social, "é dicir, ás repercusións sociais (por exemplo, o aumento do desemprego) e ás implicacións éticas do suceso, caso dos textos referidos ó movemento do voluntariado, a solidariedade e a mobilización social. A seguinte categoría de orientación máis frecuente é a científico-técnica (548 rexistros) que xunto coa ético-social suman 1.310 rexistros, case a metdade do total".
Por último, respecto ás fontes de información máis citadas, "as voces expertas do ámbito institucional acadan o 42´7 por cento das referencias, en contraste coa pouca representatividade dos expertos de organismos científico-técnicos (8´6 %) e, sobre todo, de universidades (2´9 %), malia a implicación dos investigadores en todo o referente ó "Prestige".
Neste punto o informe considera tamén significativo "o feito de que para a categoría "institucións", os centros de investigación doutros países -Instituto Hidrográfico (Portugal), Ifremer e Le Cedre (Francia)- tripliquen en presencia os organismos científicos españois (Instituto Oceanográfico, Instituto de Investigacións Mariñas e Consejo Superior de Investigaciones Científicas-CSIC)".
O informe foi elaborado polos investigadores Marta Federico Agraso e Fins Eirexas Santamaría en colaboración con Mónica Agrazo Martínez (do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago), contando coas aportacións da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega.

