----

O CONSELLO DA CULTURA E O CABIDO RECUPERARÁN OS FONDOS EPIGRÁFICOS DO MUSEO DA CATEDRAL DE SANTIAGO

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Cabido da Catedral de Santiago asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a recuperación e o tratamento dos fondos epigráficos pétreos, romanos e medievais, conservados no Museo Catedralicio. O Consello destinará a esta finalidade un total de 60.000 euros e o Cabido e o Arcebispado comprométense a coordinar a selección dos fondos e facilitar o traslado e posta a disposición dos investigadores.

O acto, celebrado na Sala Capitular da Catedral, foi presidido polo arcebispo de Santiago, Monseñor Julián Barrio, quen agradeceu a colaboración do CCG e subliñou a importancia do encontro e o diálogo fe-cultura-civilización, así como a necesidade de "recuperar e considerar as raíces, moito máis en momentos como os actuais". Manuel Calvo Tojo, deán compostelán, tamén se referiu á importancia da promoción e difusión dos fondos patrimoniais da catedral e a contribución á historia de Galicia.

Pola súa banda, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, fixo fincapé no propósito de "manter, conservar, expor e dar a coñecer unha parte da riqueza que atesoura a Catedral: a memoria escrita, a pregaria, a fe e o alento da individualidade que aparece nas lápidas funerarias medievais, sobre todo as que conservan os seus epígrafes, pero non só os textos, senón tamén os símbolos representados e as formas decorativas específicas". No acto participou asemade Alejandro Barral, director do Museo da Catedral.