Tal e como se explicou esta mañá na presentación da candidatura na sede do Consello da Cultura Galega, a iniciativa naceu na VIII edición da xornadas de radio "Ponte... nas ondas!", onde 80 centros de un e outro la lado do Miño decidiron abordar o patrimonio inmaterial común do pobo galego e portugués. A partir de entón constituíronse formalmente as Escolas Promotoras da Candidatura e numerosas institucións e organismos apoiaron e promoveron a iniciativa, entre elas a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega, até finalmente conseguir presentala á UNESCO a vindeira semana.
Lurdes Carita, representante das Escolas Promotoras de Portugal, destaca o feito de que esta candidatura naceu da sociedade civil e logo conseguiu o apoio e colaboración dos gobernos e institucións. Un valor que tamén resalta Santiago Veloso, das Escolas Galegas, que afirma "estar moi orgulloso das escolas, dos pais e dos alumnos" que durante este tempo traballaron intensamente na recuperación do patrimonio inmaterial común.
No dosier da candidatura que se presentará o luns á UNESCO, titulado "A tradición oral galego-portuguesa. Simboloxía e apropiación do medio natural", realízase unha ampla e minuciosa argumentación da orixe común deste patrimonio, destacándose elementos como as regueifas, os cantos ao desafío, os cantares e lendas, as expresións vinculadas ao ciclo agro-marítimo, os oficios, as formas simbólicas, ornamentais e musicais e os ámbitos festivos. Na súa elaboración participaron institucións culturais, antropólogos, centros universitarios, asociacións etnográficas e culturais de Galicia e do Norte de Portugal, contando co asesoramento do Centro de Antropoloxía Aplicada da Universidade Fernando Pessoa do Porto e do Consello da Cultura Galega.
Máis alá da candidatura, os promotores da iniciativa fixeron fincapé na necesidade de aproveitar o traballo feito e as sensibilidades espertadas para preservar o rico patrimonio oral común entre Galicia e Portugal. Santiago Veloso sinala que "é necesario un papel activo para a defensa deste patrimonio que se nos está indo das mans". aberta para irse reforzando paulatinamente.
Na mesma liña, José Carro, representante da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta, advirte "da necesidade de salvar o patrimonio inmaterial compartido porque está esmorecendo" e a importancia de recollelo e fixalo para transmitilo a xeracións futuras. Por elo, non dubida en destacar a "necesidade e a bondade" desta candidatura.
Unha opinión que comparte o xerente do Consello da Cultura Galega, Antonio Montero, quen salienta o exemplar da iniciativa, xa que "por primeira vez preséntase á UNESCO unha candidatura conxunta de dous países para protexer un patrimonio común". Como indicativo do valor do patrimonio inmaterial nun país, destacou que xa cando estaba en marcha esta candidatura á UNESCO, o goberno portugués aprobou unha lei para protexer o seu patrimonio inmaterial.
A resolución das candidaturas está previsto que se produza en xullo de 2005. Pero máis alá da proclamación, os promotores sinalan que o importante é que as poboacións dos dous países e os seus gobernos preserven o seu patrimoio oral e inmaterial. Con este obxectivo manterán aberta a listaxe de adhesión e calquera persoa, institución ou organismo, independentemente do sector ao que pertenza, pode dar o seu apoio á candidatura á UNESCO.

