----

O PRESIDENTE DO CONSELLO DA CULTURA INAUGURA MAÑÁ EN OURENSE A EXPOSICIÓN "D. XAQUÍN LORENZO: O FOTÓGRAFO"

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Alfonso Zulueta de Haz, inaugurará este mércores, día 27, ás 19´30 horas, no Salón Nobre do Liceo de Ourense, a exposición "D. Xaquín Lorenzo: o fotógrafo".

A mostra permitirá descubrir unha faciana pouco coñecida da personalidade de Xaquín Lorenzo, a do ensaio sobre a fotografía. O mestre da Etnografía galega, a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas, foi un home polifacético e un espírito inquedo, atento a todo o que podía facilitarlle as posibilidades de estudo e coñecemento da realidade de Galicia, no mellor ronsel da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos.

No acto inaugural intervirán tamén o director do Museo Arqueolóxico Provincial e coordinador da Sección de Antropoloxía Cultural do CCG, Francisco Fariña Busto, e o presidente do Liceo, José Carlos Martínez Pedrayo.

A exposición, organizada polo Museo e o CCG e comisariada por Tomás Vega Pato, poderá visitarse até o vindeiro 6 de novembro.