----

O ARQUIVO DA EMIGRACIÓN HOMENAXEA A TACHOLAS NO FESTIVAL DE CINE DE OURENSE

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega colabora na novena edición do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, que se celebrará do 6 ao 13 de novembro nesta cidade, para a recuperación da cinematografía galega na emigración. A institución promoverá unha homenaxe ao actor galego Fernando Iglesias "Tacholas", (Ourense 1909 – Bos Aires 1995), que tivo un papel destacado no teatro e na cinematografía arxentina.

Entre as actividades previstas figura a edición dunha publicación e a celebración dunha mesa redonda na que participaran familiares e amigos de Fernando Iglesias, así como diferentes especialistas que analizarán a súa biografía e a súa obra. Tamén está prevista a proxección de diferentes películas nas que participou, a estrea en Galicia do documental de José Santiso "Tacholas, un actor galaico porteño", e a colocación dunha placa na casa natal do actor na cidade de Ourense.

Para completar esta visión do cine na emigración o AEG colaborará en dúas seccións máis, que incluirán a recuperación e a proxección de diferentes películas relacionadas coa a emigración galega e a visión da cinematografía galega e arxentina sobre este tema.

BIOGRAFÍA
Fernando Luis Iglesias Sánchez, coñecido polo alcume de Tacholas, foi un dos principais actores galegos do século XX que, como corresponde a un país de emigrantes, desenvolveu a súa vida artística na emigración arxentina. No país austral converteuse nunha grande figura do teatro e participou en numerosas películas.

Nace en Ourense o 25 de agosto de 1909. A súa admiración polo cine é temperá. O seu padriño, Julio Losada, era administrador do Cine Teatro Apolo, o que lle permitía asistir de balde ás sesións cinematográficas. Estudou no Colexio dos Maristas de Ourense. As súas inclinacións cara ao canto levárono a pertencer a diversas entidades corais, en especial a Coral Ruada. Sería neste coro onde se espertarían as súas inclinacións artísticas.

En 1929, como tantos outros galegos, Fernando Iglesias segue o camiño da emigración. Diríxese á Arxentina, nación na que xa residían seus pais e súas irmás. En Bos Aires, ao tempo que traballaba nun obradoiro de fotografía e noutros empregos, integrouse na actividade cultural das sociedades galegas, en especial da "Unión Provincial Orensana", ca cal seu pai era tesoureiro.

En 1932 comeza a actuar na radio convidado por Manuel Núñez Búa. As audicións radiofónicas supuxeron un grande salto para Fernández Iglesias, que axiña comezou a se facer famoso entre a colectividade galega. Nesta época ten tamén orixe o nome polo que sería coñecido: Tacholas. Durante a guerra civil, participou en festivais dedicados a recadar fondos para axudar á causa republicana.

Tras o remate da Guerra Civil Tacholas continuou co seu intenso labor cultural. En 1941 funda con Maruxa Boga a "Compañía de Comedias Galegas Boga-Tacholas" que, xunto coa "Compañía de Maruxa Villanueva", converteuse na principal dinamizadora do teatro galego en Bos Aires. En 1945 funda tamén con Maruxa Boga e Alfredo Aróstegui a audición radiofónica "Recordando a Galicia", programa baseado nunha idea orixinal de Castelao. Ao mesmo tempo, Tacholas converteuse nun personaxe asiduo aos festivais e celebracións da colectividade galega. En 1953 inaugurou un novo programa radiofónico: "La Voz de Galicia".

Certamente, Tacholas tamén tivo unha destacada participación tanto no teatro coma no cine arxentinos. Neste senso, non podemos deixar de mencionar o feito de que Tacholas sempre se negou a interpretar papeis que ridiculizaran aos galegos. A finais dos anos cincuenta comeza a traballar no cine arxentino e intégrase en diversas compañías teatrais. En 1970 integrouse nos elencos do Teatro Municipal "General San Martín", levando a cabo tamén numerosas xiras polo interior do país e polo estranxeiro. Morreu en Bos Aires en 1991.

Datos tomados de Luis PÉREZ RODRÍGUEZ: Fernando Iglesias "Tacholas", un actor auriense na Galicia Ideal, Sada: Edicións do Castro, 1996.

FILMOGRAFÍA

- Camila (1984)
- Crónica de una señora (1971)
- Días de ilusión (1980)
- Dos en el mundo (1966)
- El acompañamiento (1988)
- El crack (1960)
- El dependiente (1969)
- El gordo catástrofe (1977)
- El infierno tan temido (1980)
- El muerto (1975)
- El salame (1969)
- El soltero (1977)
- Fiebre amarilla (1983)
- Jacinta Pichimahuida se enamora (1977)
- La cosecha (1970)
- La fiesta de todos (1978)
- La guerra del cerdo (1975)
- La herencia (1964)
- La nona (1979)
- La Patagonia rebelde (1974)
- Las sorpresas (1975)
- Las venganzas de Beto Sánchez (1973)
- Los de la mesa 10 (1960)
- Los golpes bajos (1974)
- Mi mujer no es mi señora (1978)
- No habrá más penas ni olvido (1983)
- Noches sin lunas ni soles (1984)
- Operación Masacre (1972)
- Operación Rosa Rosa (1974)
- Pájaro loco (1971)
- Si se calla el cantor (1973)
- Sola (1976)
- Un terceto peculiar (1982)