----

UNÁNIME ELOXIO DOS GRUPOS PARLAMENTARIOS AO TRABALLO DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Os tres grupos políticos representados no Parlamento de Galicia, PPdeG, PSdeG e BNG, eloxiaron o traballo e as iniciativas do Consello da Cultura Galega (CCG). Así o expresaron durante a comparecencia do presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, para dar conta do programa desenvolvido en 2004 e dos proxectos e presupostos para 2005.

O presuposto para o vindeiro exercizo da institución ascende a 2.435.406 euros, o que supón un incremento do 16´33 por cento sobre a cifra do ano anterior. Zulueta dixo que os capítulos IV e VI (investigación e realizacións culturais) serán os destinatarios do cincuenta por cento do presuposto, mentres que para o capítulo I (persoal) se reservará o 35 por cento e o restante 15 por cento irá destinado ao capítulo II (gastos xerais). "Considero que poucas institucións teñen unha distribución tan equilibrada dos seus gastos", afirmou o presidente do CCG.

Nas súas intervencións os voceiros dos tres grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento á primeira institución cultural de Galicia. Laura Seara (PSdeG-PSOE) cualificou o labor do Consello como "importantísimo e de moitísimo nivel" e subliñou a presenza na Rede e, particularmente, a proxección do portal culturagalega.org. Seara tamén chamou a atención sobre a necesidade de que o CCG sexa escoitado en relación con proxectos como a Cidade da Cultura, a situación do patrimonio ou as políticas en relación co libro.

Nesta análise coincidiu tamén Eduardo Gutiérrez (BNG), quen, logo de salientar a composición "diversa e plural do Consello", botou a faltar informes ou pronunciamentos do CCG sobre o Plan de Normalización Lingüística ou a reforma dos medios de comunicación de titularidade pública. Pola súa banda, Marta Álvarez (PP) referiuse ao traballo do CCG como "serio, rigoroso, científico e axeitado ao que a sociedade galega ven demandando".

O presidente do Consello da Cultura agradeceu esta acollida, as observacións feitas e o apoio dos tres grupos parlamentarios e fixo fincapé na "permanente disposición da institución para atender cantos informes lle sexan requiridos "desde o Parlamento ou desde a Xunta de Galicia, porque sempre estamos abertos a dar novos pasos na función de asesorar aos poderes públicos galegos", dixo.

En relación cos proxectos de traballo para 2005, Zulueta mencionou a exposición e o congreso sobre as "Cantigas de Santa María" de Afonso X "O Sabio", a celebrar entre xullo e outubro; a edición crítica do manuscrito do Códice de Toledo das Cantigas, xa editado polo CCG e a edición de catro tomos, dos máis de vinte que compoñerán a obra completa do Padre Sarmiento. Aludiu asemade aos V Encontros "Cultura e Concellos" e á elaboración do Libro Branco do Audiovisual, entre outras moitas actividades e iniciativas programadas.