<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/09/angela_pedro.jpg" alt="angela_pedro.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Ángela Molina e Pedro Llano de Neira, no Salón de Actos do CCG</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2008.</em>- Con críticas ao que denominou “políticas efectistas de dotacións infraestructurais en España” e énfase na necesidade de reacción por parte da cidadanía, a crítica de arte Ángela Molina cerrou a derradeira sesión do foro de debate <a href="http://consellodacultura.org/?page_id=555">“Creación artística e identidades culturais”</a>, inaugurado onte e coordinado pola profesora María Luísa Sobrino. O foro foi o cuarto dos seis organizados este ano polo Consello da Cultura Galega para conmemorar os seus primeiros 25 anos (1983-2008).
<!--more-->
A segunda xornada do foro continuou, no apartado “arte e cultura nos medios de comunicación”, as reflexións críticas fronte á mercantilización e a espectacularización da arte e da cultura. Unha cultura que, na opinión de Ángela Molina, vive “unha situación de debilidade e un período reactivo no medio da explotación feiral da cultura audiovisual”. Segundo esta crítica de arte, España, política e administrativamente descentralizada, non vive o mesmo proceso no ámbito cultural. “Culturalmente está moi centralizada e queda por ver se os novos impulsos chegarán desde a periferia”, dixo.
Pola súa parte o crítico de arte Alberto Sánchez Balmisa abundou nesta visión crítica da cultura-mercancía e falou das “novas rutas de turismo e de comercio cultural”, sancionou negativamente o que chamou “bienalización da cultura” e cualificou de “servil” a crítica exercida nesta fase dun tardo-capitalismo “necesitado de novidade ou máis ben de apariencia de novidade”.
O comisario de exposicións Pablo Fanego aludiu asemade á mercantilización dos bens culturais sen esquecer a dimensión da arte como valor-refuxio en tempos de crise”.
O coloquio estivo marcado polas consideracións críticas á iniciativa da construcción da Cidade da Cultura e a necesidade de que a cidadanía reaccione fronte ao uso e a ocupación dos espazos públicos.
Nas sesións matinais reflexionaron sobre “o traballo de artistas e as institucións” os artistas visuais Pedro G. Romero, Carme Nogueira e Chiu Longina.Sobre “musealización, industria cultural e espectáculo” interviron Guillermo Solana, conservador xefe do Museo Thyssen-Bornemisza, e como retrucantes Manuel Segade, do departamento de exposicións do Centro Galego de Arte Contemporánea e Pedro de Llano Neira, crítico de arte, comisario de exposicións e secretario do foro.

