----

O CONSELLO DA CULTURA CREA UN GRUPO DE TRABALLO PARA ANALIZAR A HISTORIA E A SITUACIÓN DA MULLER

Co gallo da celebración do Día Internacional da Muller, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta esta tarde, ás 17:30, un novo grupo de traballo da institución: a Comisión Técnica de Xénero, pertencente á Sección de Filosofía e Pensamento. O coordinador da Sección, o profesor e teólogo Andrés Torres Queiruga, destaca que a idea de crear esta Comisión veu da necesidade de encher o baleiro existente no campo do pensamento sobre estudos de xénero en Galicia. A relevancia e a destacada presenza da muller na sociedade facía necesario, para esta institución, a creación dun grupo específico dentro da Sección de Filosofía e Pensamento que dese conta da historia e situación da muller na Comunidade.

O primeiro proxecto que afronta este grupo, creado oficialmente o 24 de febreiro en recordo do nacemento de Rosalía de Castro, é recoller todo o material bibliográfico existente en Galicia sobre a muller, sobre a súa historia, figuras relevantes, etc., e crear unha base de datos con toda esta información. Os resultados desta recollida permitirán logo a esta Comisión deseñar e planificar actividades concretas.

Ademais do coordinador da Sección, a Comisión Técnica de Xénero esta formada por Carme Adán, María Xosé Agra Romero, Pilar Cagiao Vila, Encarna Otero Sánchez, María do Carme Pérez Pais, Ana Romaní Blanco, María Luisa Sobrino Manzanares, Carme Vidal e Dolores Vilavedra Fernández. A elección dos membros da Comisión, segundo sinala Queiruga, fíxose buscando a participación de destacadas mulleres de diferentes ámbitos de traballo, desde a literatura e os medios de comunicación ata a política e as artes. Na rolda de prensa, que terá lugar no salón de actos do Consello da Cultura Galega, participarán o presidente da institución, Alfonso Zulueta de Haz, o coordinador da Sección e da Comisión Técnica que se presenta, Andrés Torres Queiruga, e as nove mulleres que a compoñen.