----

SUSO DE TORO, EULOXIO R. RUIBAL E XABIER CORDAL DEBATERÁN NO CCG SOBRE "LITERATURA E COMPROMISO"

A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega celebrará este xoves, día 31, a súa tertulia literaria mensual arredor do tema "Literatura e compromiso". No encontro participarán, ademais de membros da Sección organizadora, o escritor Suso de Toro, o dramaturgo e membro da Real Academia Galega Euloxio R. Ruibal e o poeta e vicepresidente das Redes Escarlata Xabier Cordal.

Os escritores participantes exporán as súas posturas e as súas opinións sobre cal é e cal debera ser o nivel de compromiso dos creadores literarios e das súas obras coa sociedade na que viven, coa súa evolución e cos seus conflictos.

Esta tertulia continúa o ciclo iniciado o ano pasado polo CCG e no que ata o de momento participaron escritores como Xesús Alonso Montero, Urbano Tavares e Anxos Sumai e no que se abordaron temas como as novas narradoras, o libro galego, a tradución, a creación na Rede e o significado do Día das Letras Galegas.

Como en anteriores ocasións, a tertulia estará aberta ás achegas dos interesados en participar nela e será gravada para posteriormente pór a disposición dos usuarios en Lg3, o soportal de literatura de culturagalega.org. O seu enderezo é: http://www.culturagalega.org/lg3/lg3_tertulia.php

- Lugar: biblioteca do CCG. Pazo de Raxoi, 2º Andar
- Hora: 17:00