<img src="http://consellodacultura.org/files/2008/09/serge_guilbaut.jpg" alt="serge_guilbaut.jpg" />
<em><div id="pedefoto">Serge Guilbaut, durante a súa conferencia que tivo lugar no Salón de Actos do CCG</div></em>
<em>Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2008.</em>- Serge Guilbaut apostou pola conversión dos museos en centros de investigación e non en meras salas de exhibición de productos. O profesor de Historia da Arte na University of British Columbia de Vancouver (Canadá) abriu esta mañá as sesións do foro de debate <a href="http://consellodacultura.org/?page_id=555">“Creación artística e identidades culturais”</a>, coordinado pola profesora María Luísa Sobrino e inaugurado polo Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. Os debates continuarán hoxe coa participación, entre outros, de Guillermo Solana, conservador-xefe do Museo Thyssen-Bornemisza, e a crítica de arte, Ángela Molina.
<!--more-->
O profesor Serge Guilbaut no seu relatorio “Museum ad nauseam? Os museos no labirinto posmoderno”, reivindicou o museo como un espazo onde o público poida establecer un diálogo cunha interpetación da historia declarada nas paredes, retomando as relacións coa investigación e participando no diálogo cultural e polìtico. Declarouse contrario ao concepto de museo “con ánimo de lucro, con ánimo de acadar prestixio, en contra do espazo do museo como espectáculo, logotipo ou marca, en contra do museo como marabilla arquitectónica doadamente recoñecible na paisaxe urbana máis baleira de ideas: noutras palabras, en contra do museo como signo oco. En contra, asemade, de volver a algunha forma de espazo elitista onde só se mostrra arte elevada, escollida por entendidos”.
Xusto o contrario do que ocorre na economía global, onde o papel do museo xa non é o de establecer un diálogo co público, espertar unha conciencia nacional ou individual, unha conciencia histórica, “senón máis ben o de poñer o museo ao servizo da marca (MoMA, Guggenheim, Louvre, Beaubourg, xa sexa en Francia ou en Estados Unidos”.
Guilbaut reflexionou sobre o feito da importancia do museo para facer visible ou promover un lugar e sobre a significación do turismo cultural. Citou a artista Andrea Fraser para quen os novos museos “precisan exposicións grandes e obras grandes para atraer unha gran cantidade de público e así recuperar grandes sumas de diñeiro que se poidan usar para construir espazos grandes nos que organizar grandes exposicións de grandes obras de arte a fin de de atraer unha enorme cantidade de público”.
Fronte á “tendencia turística que experimenta a nosa cultura”, Sege Guilbaut afrimou que o sentido dunha exposición “debería ser o de cuestionar a lectura que se fai do pasado e non o de afirmar clichés”. Paralelamente, o sentido ao museo darallo “o compromiso serio coa historia e a memoria”. Nesta sesión participou como retrucante Juan de Nieves, comisario de exposicións.
Sobre o traballo dos artistas e as institucións reflexionou Gloria Picazo, directora do Centre d´Art la Panera (Lleida), xunto coas artistas visuais Marina Núñez e Silvia García, profesoras da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
ARTE E COMUNICACIÓN
Na sesión da tarde, no espazo dedicado a “arte e cultura nos medios de comunicación” participou o xornalista e escritor Camilo Franco, para quen “os medios de comunicación son a última fronteira para a arte contemporánea porque despois deles está a xente”. O relator expresou a convicción de que os axentes culturais deberían asumir “que para ter unha prensa cultural especializada o primeiro será darlle campo de manobra e deixar que utilice a intelixencia asumindo que cando se utiliza a razòn o criterio non sempre favorece ao autor”.
Como retrucantes interviron o escritor e xornalista Antón Lopo, o profesor Miguel Anxo Rodríguez e o arquitecto Alfonso Penela.
VENRES, 19
As sesións do venres, día 19 comezarán ás 10 horas coas intervención dos artistas visuais Pedro G. Romero, Carme Nogueira e Chiu Longina. Ás 12´15 horas falará Guillermo Solano, conservador-xefe do museo Thyssen-Bornemisza, que terá como retrucantes e Manuel Segade, do departamento de exposicións do Centro Galego de Arte Contemporánea e a Pedro de Llano Neira, crítico de arte, comisario de exposicións e secretario do Foro.
Na sexta e última sesión, a partir das 16´30 horas, a relatora será Ángela Molina, crítica de arte e os retrucantes o crítico Alberto Sánchez Balmisa e o comisario Pablo Fanego.
O foro é número catro dos programados este ano polo CCG para conmemorar os primeiros 25 anos da instituciòn (1983-2008).

