O presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, explicou na rolda de prensa de presentación que este proxecto enmárcase dentro da liña de traballo do Arquivo da Emigración Galega, que entre as súas finalidades está a recuperación e conservación da documentación producida pola emigración galega. E nesta documentación destaca polo seu relevante papel a documentación creada polas asociacións de emigrantes galegos nos países que os acolleron no seu exilio e na súa emigración. "É ben sabido -sinalou- que unha boa parte do que somos, da nosa memoria individual e colectiva, da nosa historia, atópase nos pasos e nos pousos dos nosos emigrantes, particularmente en América".
Unha opinión compartida polo conselleiro de Emigración, Aurelio Miras, quen destacou a importancia de traballar na recuperación da memoria da emigración xa que, sinalou, "o pasado é o que da a un pobo as súas posibilidades de futuro". Así, considerou fundamental seguir impulsando iniciativas coma esta e crear ferramentas que lle permitan aos galegos na diáspora participar no presente e no futuro de Galicia, máis aló de ter simplemente a nacionalidade e o pasaporte español. O conselleiro fixo fincapé tamén no seu recoñecemento ao traballo que está realizando o Consello da Cultura Galega, e concretamente o Arquivo da Emigración Galega, e amosou o seu apoio e colaboración aos proxectos postos en marcha pola institución.
O director do Arquivo de Emigración, Ramón Villares, explicou que conscientes da importancia de recuperar este patrimonio e de facilitar o seu acceso aos investigadores, o Arquivo, en colaboración coa Consellería de Emigración, realizou durante os anos 2003 e 2004 un proxecto de recuperación documental dos fondos das asociacións de emigrantes galegos. Como resultado do proxecto, o AEG conseguiu inventariar, catalogar e dixitalizar ou microfilmar a documentación de 115 sociedades, 60 delas arxentinas, 54 cubanas e unha uruguaia. Os documentos, dunha ampla tipoloxía, inclúen libros de actas, rexistros de socios, fotografías, regulamentos, estatutos, etc.
O ámbito de actuación destas asociacións é moi diverso. Once delas eran sociedades de ámbito galego e o resto de carácter máis local e que agrupaban a emigrantes galegos segundo a súa comarca, parroquia ou municipio de orixe. Así, dixitalizáronse 25 sociedades da provincia da Coruña, 47 de Lugo, 13 de Ourense e 19 de Pontevedra.
Villares tamén destacou que esta nova documentación, que testemuña a vontade dos galegos por asociarse na diáspora e por redimir e mellorar a terra na que naceron, converten ao AEG no centro documental de referenza sobre a emigración galega.
DICCIONARIO DA EMIGRACIÓN EN CUBA
Durante a presentación, a Consellería de Emigración e o Arquivo da Emigración tamén anunciaron a próxima publicación do diccionario da emigración galega en Cuba, ao que lle seguirán outros sobre Arxentina e Uruguai, cos que se pretende explotar e darlle utilidade a todo o traballo de recompilación documental que realiza o Arquivo. Trátase dun proxecto de investigación conxunto entre as dúas institucións que pretende achegarnos á historia e á realidade da emigración galega en Cuba.
A obra, actualmente en fase de revisión, contén biografías de preto de 1.800 personalidades vinculadas coa emigración galega e de persoas de orixe galega que destacaron no ámbito cubano. Ademais, recolle información sobre 484 asociacións creadas polos emigrantes galegos e de 84 publicacións periódicas. Para a súa elaboración fíxose unha minuciosa análise da bibliografía e das publicacións existentes sobre a emigración española e galega a Cuba, ademais de consultar entrevistas realizadas aos principais dirixentes da colectividade galega en Cuba.
Por último, Carlos Zubillaga, profesor da Facultade de Humanidades da Universidade de Montevideo e coordinador do proxecto na capital uruguaia, advertiu do "franco desinterese" que en moitos casos teñen as institucións dos países onde están esas asociación por traballar en pro da conservación e divulgación dos seus fondos, a pesares de seren tamén patrimonio seu.
Máis información sobre os fondos das sociedades galegas en:
http://www.consellodacultura.org/arquivos/aeg/fondos_centros.php

