Previamente, os directivos do CCG visitarán a partir das 12´00 horas, o Centro Cultural, o Centro Social e a Escola de Negocios de Caixanova, acompañados polo director xeral da entidade, Julio Fernández Gayoso. Ao xantar que seguirá á visita institucional asistirá, asemade, Guillermo Alonso Jáudenes, presidente do Consello de Administración da entidade financieira viguesa.
Creado pola Lei 8/1983 de 8 de xullo, do Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria, de carácter asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización en todo o relacionado coa acción cultural e a súa proxección. Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus obxectivos e actúa con independencia respecto aos poderes da Comunidade Autónoma e da súa Administración.
A institución reúne a representantes de entidades e personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega e estructura actualmente a súa actividade a través de trece Seccións (Antropoloxía cultural; Arquitectura; Artes plásticas; Ciencia, técnica e sociedade; Comunicación; Cultura galega no exterior; Dereito galego; Lingua; Música e artes escénicas; Patrimonio histórico; Patrimonio natural; Literatura e industrias da edición e Filosofía e Pensamento) e catro Arquivos (Emigración, Sonoro, Comunicación e Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia).

