O vicepresidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Francisco Díaz Fierros, o alcalde de Carnota, Xosé Manuel García, a directora das xornadas, María Isabel Longueira, e o seu coordinador, Francisco X. Fernández Naval, presentaron esta mañá na sede do CCG o programa de actividades. Durante a presentación, Longueira explicou que o obxectivo da iniciativa é "reflexionar sobre como a cultura tradicional pode ser un elemento de vangarda e innovación". "Por un ou dous días ao ano, Carnota, pasa de ser preriferia a ser un centro cultural, onde analizamos e buscamos solucións ante a forte sensación de que cada ano estamos perdendo máis da nosa cultura tradicional", destacou Fernández Naval.
EXPOSICIÓNS, CONFERENCIAS E MÚSICA
As xornadas, organizadas pola Asociación Cultural Canle de Lira, comezarán a súa andadura o venres 24 coa dúas conferencias. A primeira delas, a cargo de Xosé Luís Barreiro Ribas, analizará a "Vertebración territorial e desenvolvemento político: o nó gordiano da Autonomía de Galicia". A continuación, a catedrática Margarita Ledo falará sobre "O valor da identidade no contexto global da sociedade da información".
O segundo día do encontro contará coa aportación do punto de vista portugués sobre a tradición cultural. Álvaro Campelo, da Universidade de Porto, falará sobre as estratexias para a innovación na comunidade, para transformar a herdanza cultural en cultura creativa. Seguiralle unha aproximación a "O Glocal como expresión da acción local nun mundo globalizado", a cargo de Xosé Carlos Sierra, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, e unha mesa redonda baixo o título "(I+D)2" na que participarán Argimiro Levoso, da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, Xerardo Triñanes, de Asteleiros Triñanes, María José Otero, de Vapores do Atlántico, e Emilio Louro, da Confraría de Pescadores de Lira.
A música tamén xogará un papel moi importante no encontro. O músico Nani García oferecerá unha conferencia sobre a relación entre a producción musical e a tradición e celebrarase un concerto a cargo do trío de corda "Clásica" dirixido por Mijail Moriatov. Para pechar o segundo día das xornadas, celebrarase o espectáculo "Canle Nius II" producido para a ocasión pola Comfradía.Com e coordinado por Belén Campos.
O último día, os asistentes desfrutarán de tres propostas culturais concretas. Trátase de "La Xunta pide a los gallegos que aporten ideas para repoblar el campo", de Xosé Luís Carneiro (Limaia Producións), "Botando botellas ao mar", do debuxante Miguelanxo Prado, e "Monólogo G= (I+D)", do escritor Manuel Outeiriño.O programa de actividades completarase coa celebración dunha exposición sobre arte rupestre galega, traballos de cantería de José Cernadas Sande, unha sardiñada en Mar de Lira, e unha romaxe coa tradicional degustación de empanadas de millo e a actuación do grupo Xacarandaina.
XÉRMOLO DE INICIATIVAS
O vicepresidente do Consello, Francisco Díaz Fierros, destacou "o importante valor cultural desta iniciativa, polos relatores, polos contidos e sobre todo polo aliciente de que se celebren nunha zona mariñeira e rural", polo que amosou o apoio do CCG a estas xornadas. Pola súa banda, o alcalde de Carnota, Xosé Manuel García, fixo fincapé "na importancia de que estas xornadas, ademais de divulgar o noso patrimonio, sentan as bases de futuras iniciativas culturais que o poñen en valor, iniciativas que de non ser por estes encontros probablemente non se producirían".
Os interesados en participar nas xornadas, que se celebrarán no salón de actos do Concello de Carnota, deben porse en contacto co Concello de Carnota, no enderezo dolores.pena@carnota.dicoruna.es

