----

AS XORNADAS "NATUREZA E CULTURA" ANALIZARÁN OS PERIGOS QUE AMEAZAN A BIODIVERSIDADE GALEGA

O Castelo de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña) acollerá os vindeiros 29 e 30 de xuño as Xornadas "Natureza e cultura. A conservación da biodiversidade galega". O encontro, organizado pola Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade do Consello da Cultura Galega e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), reunirá a destacados profesionais para reflexionar sobre a biodiversidade, para propor medidas para garantir a súa conservación e restauración e para divulgar experiencias neste ámbito.

O coordinador da Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade e vicepresidente do CCG, Francisco Díaz Fierros, destacou esta mañá na presentación das xornadas que a relación do home coa natureza, máis aló da función utilitaria, está adquirindo un carácter afectivo e de pertenza. Así, destacou "a importancia da natureza como valor cultural" e que "a cultura dun país non só a forma a súa literatura ou a súa lingua, senón tamén a súa natureza". Por elo, salientou a necesidade de incrementar o seu coñecemento e estudo con iniciativas coma estas xornadas.

A celebración deste encontro, que reunirá a destacados expertos na materia, baséase na idea de que nas últimas décadas foi gañando peso a percepción de que a riqueza biolóxica é parte do patrimonio máis valioso dun país. Deste xeito, as actuacións e os instrumentos para a conservación da biodiversidade convértense nun dos elementos fundamentais de calquera política ambiental tanto a nivel local como planetario. En Galicia, a milenaria ocupación humana do territorio fai que na nosa paisaxe e nos nosos hábitats, natureza e cultura sexan complementarios. Ademais, a biodiversidade ten unha potente relevancia cultural, quer polo valor simbólico de moitas especies "pensemos no lobo", quer polo ser valor económico, do cal os recursos do mar son un bo exemplo.

En calquera caso, a actividade económica e as transformacións sociais en curso supoñen unha ameaza para a preservación desta biodiversidade. E posto que a súa conservación é un imperativo legal e ético, con estas xornadas preténdese reflexionar sobre o seu status actual, propoñer medidas para garantir a súa conservación e restauración, así como divulgar experiencias relevantes que acontecen noutros ámbitos e das cales poidamos extraer conclusións relevantes para Galicia.

O coordinador das xornadas e director do CEIDA, Carlos Vales, destacou pola súa banda na prsentación das xornadas que "a biodiversidade é un dos maiores problemas que ten na actualidade o medio ambiente a nivel global, extinguíndose especies todos os días". Un degradación da riqueza natural que, tal e como sinala este experto, tamén afecta a Galicia, con especies como a pita do monte ou o arao en perigo de desaparecer. De todos os xeitos, Vales chamou a atención sobre o feito de que "a natureza e o medio ambiente teñen cada vez máis relevancia na conciencia colectiva".

PROGRAMA

As xornadas comezarán o mércores 29 cunha conferencia do coordinador das xornadas sobre a conservación da biodiversidade como un valor cultural. Tras esta introdución, investigadores de diferentes centros de investigación e xestión de recursos naturais irán expoñendo as problemáticas concretas de conservación en áreas como o medio mariño, os ríos, os vertebrados terrestres, as especies forestais e as comunidades vexetais. Victoriano Urgorri, da Estación de Bioloxía Mariña A Graña, Marcos González, do Departamento de Bioloxía Animal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Fernando Cobo, da Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con", Ignacio Munilla, da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo, Javier Amigo, do Laboratorio de Botánica da USC, e Josefa Fernández López, do Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán, serán os encargados de expoñer esta perspectiva sobre a diversidade galega.

O segundo día, as xornadas intentarán ofrecer solucións aos problemas que ameazan a biodiversidade. Mayte Martín Crespo, do Ministerio de Medio Ambiente, exporá a estratexia española para a conservación da diversidade biolóxica. Rogelio Fernández, da Consellería de Medio Ambiente, explicará o traballo da Administración galega neste ámbito e o representante permanente de España na UE para estos temas, Miguel Castroviejo, perfilará as perspectivas de conservación na Unión Europea. Dun xeito máis concreto, analizarase a viabilidade de medidas concretas como a rede galega de espazos naturais protexidos e as reservas privadas. Serafín González, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (CSIC) presentará unha proposta para a restauración de hábitats degradados, concretamente para a lagoa de Antela.

Neste senso, o director do CEIDA destaca a importancia de que se comece a traballar, ademais de na conservación, na restauración da natureza danada por actuacións incorrectas do home, como a Lagoa de Antela, que na súa opinión sería posible recuperar en boa parte sen grandes esforzos económicos.

Máis información, programa, cartel e inscrición en:http://www.consellodacultura.org