----

O CONSELLO DA CULTURA RECUPERA NUNHA PUBLICACIÓN A HISTORIA DA PESCA NO CANTÁBRICO

O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta esta tarde, ás 19:00 horas, no Museo Massó de Bueu a edición facsímile dunha das obras de referencia na historia pesqueira: "Los pescadores del Norte y Noroeste de España", do investigador Benigno Rodríguez Santamaría. No acto de presentación está previsto que participen o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, a alcaldesa de Bueu, María Elena Estévez, e o profesor Francisco Calo Lourido, autor do estudo que prologa a publicación.

O autor da obra, Benigno Rodríguez, percorreu entre 1907 e 1910 as costas do Norte e Noroeste de España, na zona comprendida entre os ríos Bidasoa e Miño, para practicar estudos de pesca comisionado polo daquela Ministerio de Marina. Rodríguez, nese momento primeiro contramestre de porto, aproveitou a ocasión para observar e apuntar os costumes da xentes da costa.

Froito desta viaxe naceu en 1916 "Los pescadores del Norte y Noroeste de España", unha investigación etnográfica e sociolóxica de excepcional importancia que analiza dun xeito moi preciso a vida dos pescadores cantábricos, afondando nas súas particularidades, penetrando no seu mundo e amosando os apuntamentos singulares das súas familias, dos seus costumes, crenzas, hábitos e actitudes en relación coa pesca e coas súas artes.

PANORAMA MOI DIFÍCIL

O profesor Francisco Calo Lourido, membro da Sección de Antropoloxía Cultural do CCG e autor do prólogo que acompaña a obra, destaca a relevancia desta obra e o feito de que "Benigno Rodríguez foi un investigador estrañamente esquecido malia ter sido, sen dúbida, o home que máis esforzos dedicou a estudar o mundo dos pescadores españois en todo o século XX", realizando diccionarios sobre a pesca, estudos de campo e numerosas investigacións de gran valor para o sector pesqueiro.

Pola súa banda, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, salienta o feito de que "Los pescadores del Norte y Noroeste de España. Su vida social y particular por provincias" detalla tamén as carencias e dificultades da xente do mar nesa época, como a ausencia de confrarías, as malas condicións hixiénicas e alimentarias, o traballo dos cativos no mar ou a falta de instrución, entre outros moitos temas. Un panorama que non por menos desalentador é menos axustado á realidade de principios do século XX.

As transformación sufridas polo sector desde entón, coas súas luces e sombras, como sinala o presidente do CCG, cambiaron en positivo os escenarios descritos na obra e converteron a Galicia nunha comunidade punteira no sector. "A obra describe un marco absolutamente mellorable e, logo do tempo transcorrido e superado felizmente o atraso que denuncia, creo que debemos ler estas páxinas coa reflexión e co sentido crítico necesarios para intentar superar asemade os desafíos que enfronta o mundo do mar cen anos despois", destaca Zulueta.

O orixinal da obra atópase no Museo Massó, quen puxo todas as facilidades para que o Consello abordase a edición facsímile desta publicación. Por elo, Alfonso Zulueta de Haz amosou o agradecemento da institución coas facilidades prestadas e coa familia Massó, pola súa sensibilidade coas iniciativas que permiten recuperar aspectos relevantes da memoria histórica de Galicia, como a publicación presentada nesta ocasión.

DATOS DA PRESENTACIÓN:

- HORA: 19:00

- LUGAR: Museo Massó, (R/Montero Ríos, s/n, Bueu)