----

CASIMIRO TORREIRO IMPARTE UN TALLER DE CRÍTICA CINEMATOGRÁFICA NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

A Sección de Artes Plásticas do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará este mércores, xoves e venres, días 20, 21 e 22 de xullo, un obradoiro de crítica cinematográfica. O taller pretende ser un achegamento teórico e práctico a este xénero de man dun dos seus profesionais máis destacados en España, o crítico do xornal El País e profesor de Comunicación Audiovisual da Universitat Autónoma de Barcelona Casimiro Torreiro.

Durante tres días de traballo, os asistentes coñecerán a historia e a situación actual da crítica de cine, analizarán cos propios profesionais o traballo dos críticos cinematográficos en Galicia e abordarán a realización eles mesmos da crítica dunha película.

O taller comezará este martes cunha visión xeral de Casimiro Torreiro sobre a evolución histórica da crítica no cine e das súas liñas de actuación e regras. Esta introdución dará pé a unha reflexión xeral sobre a situación actual da crítica cinematográfica. O segundo día, os participantes terán a ocasión de enfrontarse eles mesmos ás dificultades de realizar unha crítica cinematográfica de calidade. Tras o visionado dunha obra audiovisual redactarán unha crítica baixo os apuntes do coordinador. Ao remate, porán en común as súas opinións e reflexións e analizarán o modo e o grao de análise co que nos enfrontamos de forma crítica a un determinado produto cinematográfico.

O obradoiro rematará o venres cun debate no que participarán profesionais que exercen a crítica cinematográfica nos medios de comunicación galegos. Miguel Anxo Fernández e José Luis Losa conversarán cos asistentes sobre o traballo que realizan (condicións laborais, formulación de textos, etc.) e o papel que se lle outorga ao seu traballo nas empresas.

O taller, no que participarán unha vintena de profesionais, principalmente do ámbito da comunicación, celebrarase en horario de 16:30 a 20:30 na Biblioteca do Consello da Cultura Galega.

----- Máis información:http://www.consellodacultura.org