----

MAURICI PLA OFRECE NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA UNHA VISIÓN CRÍTICA DA ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA

Maurici Pla, profesor de Teoría e Historia de la Arquitectura da Universidade Politécnica de Cataluña, é o encargado de inaugurar esta tarde, ás 16:30, o Obradoiro de Crítica de Arquitectura Contemporánea que ata este venres celebra o Consello da Cultura Galega (CCG). Pla ofrecerá unha visión global da arquitectura contemporánea, perfilando as súas características máis salientables, as obras máis significativas e os creadores máis recoñecidos.

Coa intervención de Pla, coordinador do Obradoiro, comeza un taller organizado pola Sección de Arquitectura do CCG para prantexar entre os profesionais a necesidade de crear unha crítica de calidade da arquitectura contemporánea. O obradoiro, de carácter principalmente práctico e participativo, desenvolverase en horario de 16:30 a 20:30 na Biblioteca do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º Andar, Santiago de Compostela).

A vintena de profesionais galegos que participarán no taller, principalmente arquitectos, reconsiderarán os métodos e os instrumentos empregados ata o de agora na realización da crítica arquitectónica. Tamén abordarán as relacións que se establecen entre a arquitectura e a sociedade na que xorde, e a necesidade de que se inscriban os acontecementos contemporáneos no marco dun progreso máis xeral da historia da arquitectura.

O xoves, día 7, o taller continuará coa intervención de Llàtzer Moix, director da Sección de Cultura do xornal "La Vanguardia", que falará desde a súa experiencia profesional sobre a divulgación da arquitectura nos medios de comunicación. Finalmente, Francisco Jarauta, catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia, pechará o venres o obradoiro reflexionando sobre o concepto da crítica.

A proposta de realizar este obradoiro enmárcase dentro da concepción xeral de que a arquitectura do noso tempo, continuamente acompañada de discursos sobre ela, presenta unha vitalidade que excede a capacidade de análise dos instrumentos críticos tradicionais. Por elo, este obradoiro pretende dotar aos profesionais implicados dos recursos e coñecementos básicos e necesarios para abordar a crítica arquitectónica desde unha óptica de calidade e profesionalidade.

----- Máis información: http://www.consellodacultura.org