O obxectivo deste encontro é o intercambio de opinións e liñas de traballo sobre a investigación en comunicación entre estudosos que avanzaron considerablemente neste proceso. Asistirán relevantes expertos na materia como Armand Balsebre, Timoteo Álvarez, Manuel Palacio, Javier Díaz Noci, Miquel Rodrigo Alsina, Jaume Guillamet e J.L. Gómez Mompart. Xunto a eles participarán destacados xornalistas e investigadores galegos, como Xusto Beramendi, Víctor F. Freixanes, Marcos Valcárcel e Rosa Aneiros.
A elección destes investigadores fíxose coa convicción de que resulta determinante a pluralidade nos ámbitos de estudo, ao igual que a pluralidade de olladas sobre as teorías e as metodoloxías. Só a posta en relación dos fenómenos locais con fenómenos producidos noutros espazos permitirá explicar dunha maneira global todos os chanzos que asentan o avance da historia da comunicación. As perspectivas histórica, profesional, lingüística, económica e social deben articularse para obter esta visión holística da comunicación.
Durante dous días de traballo, os asistentes abordarán desde múltiples perspectivas e dun xeito actualizado os mitos da comunicación e a cultura, os marcos teóricos e metodolóxicos no estudo da comunicación e os avances da investigación nestas áreas. A evolución dos soportes ao longo do tempo e a historia da comunicación galega serán outros dos aspectos a abordar. Ademais de botar unha ollada reflexiva ao pasado, os investigadores tamén farán propostas de futuro, encamiñadas principalmente a avanzar na investigación en cultura e comunicación e a recuperar a historia da comunicación en Galicia.
Ante o específico do tema, o encontro está dirixido principalmente a profesores, estudantes e investigadores galegos e de fóra interesados na comunicación e na cultura desde un punto de vista histórico. De todos os xeitos, a participación está aberta a todas aquelas persoas que desexen sumarse ás sesións.

