----

OS PERIGOS QUE AMEAZAN A BIODIVERSIDADE GALEGA, A ANÁLISE NAS XORNADAS "NATUREZA E CULTURA"

O Castelo de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña) acollerá este mércores e xoves, 29 e 30 de xuño, as Xornadas "Natureza e cultura. A conservación da biodiversidade galega". O encontro, organizado pola Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade do Consello da Cultura Galega e o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), reunirá a destacados profesionais para reflexionar sobre a biodiversidade, para propor medidas que garantan a súa restauración e conservación e para divulgar experiencias neste ámbito.

A celebración deste encontro baséase na idea de que nas últimas décadas foi gañando peso a percepción de que a riqueza biolóxica é parte do patrimonio máis valioso dun país. Deste xeito, as actuacións e os instrumentos para a conservación da biodiversidade convértense nun dos elementos fundamentais de calquera política ambiental tanto a nivel local como planetario. En Galicia, a milenaria ocupación humana do territorio fai que na nosa paisaxe e nos nosos hábitats, natureza e cultura sexan complementarios. A biodiversidade ten unha potente relevancia cultural, quer polo valor simbólico de moitas especies "pensemos no lobo", quer polo ser valor económico, do cal os recursos do mar son un bo exemplo.

A actividade económica e as transformacións sociais en curso supoñen unha ameaza para a preservación desta biodiversidade. E posto que a súa conservación é un imperativo legal e ético, con estas xornadas preténdese reflexionar sobre o seu status actual, propoñer medidas para garantir a súa conservación e restauración, así como divulgar experiencias relevantes que acontecen noutros ámbitos e das cales poidamos extraer conclusións relevantes para Galicia.

CENTROS DE INVESTIGACIÓN

As xornadas comezarán o mércores 29 cunha conferencia do coordinador das xornadas, Carlos Vales, sobre a conservación da biodiversidade como un valor cultural. Tras esta introdución, representantes de diferentes centros de investigación e xestión de recursos naturais irán expoñendo as problemáticas concretas de conservación en áreas como o medio mariño, os ríos, os vertebrados terrestres, as especies forestais e as comunidades vexetais. A Estación de Bioloxía Mariña A Graña, departamentos das universidades de Santiago e Vigo, a Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con" e o Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán, serán algúns dos centros participantes.

O segundo día, as xornadas intentarán ofrecer solucións aos problemas que ameazan a biodiversidade. Mayte Martín Crespo, do Ministerio de Medio Ambiente, exporá a estratexia española para a conservación da diversidade biolóxica. Rogelio Fernández, da Consellería de Medio Ambiente, explicará o traballo da Administración galega neste ámbito e o representante permanente de España na UE para estes temas, Miguel Castroviejo, perfilará as perspectivas de conservación na Unión Europea. Dun xeito máis concreto, analizarase a viabilidade de medidas concretas como a rede galega de espazos naturais protexidos e as reservas privadas. Serafín González, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (CSIC) presentará unha proposta para a restauración de hábitats degradados, concretamente para a lagoa de Antela.

O coordinador da Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade e vicepresidente do CCG, Francisco Díaz Fierros, destaca a importancia destas Xornadas para reflexionar e avanzar na relación do home coa natureza, sobre todo agora que máis aló da función utilitaria está adquirindo un carácter afectivo e de pertenza. “A cultura dun país non só a forma a súa literatura ou a súa lingua, senón tamén a súa natureza, polo que hai que considerar a importancia da natureza como valor cultural”, sinala. Ademais, o director do CEIDA e coordinador do encontro, Carlos Vales, engade a importancia de que se comece a falar entre os profesionais do sector da restauración da natureza danada por actuacións incorrectas do home, como a Lagoa de Antela, e non só de conservación.