----

OS EXPERTOS SINALAN QUE O PLAN XERAL DE NORMALIZACIÓN ABRE UNHA NOVA ETAPA NA INVESTIGACIÓN DA LINGUA

Os IX Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega, continuaron esta mañá en Santiago de Compostela abordando o papel que xogará no futuro do idioma a investigación, as institucións da lingua e a promoción do galego no exterior. Estes Encontros, nos que participan máis de 220 especialistas, pretenden ser o foro no que se faga balance da normalización do idioma e sobre todo, no que agromen propostas para un futuro do idioma no que o impulso político, o consenso social e a vertebración de iniciativas van ser factores ineludibles.

A profesora e membro da Sección de Lingua do CCG Iolanda Galanes explicou como o Plan Xeral de Normalización da Lingua, aprobado o ano pasado, "abre unha nova etapa na investigación lingüística galega xa que provocará unha reorganización e renovación de todo o tecido investigador que actualmente existe". Tras realizar un achegamento á evolución da investigación nos últimos anos e ao Plan Xeral, esta especialista conclúe que urxe definir unha política de investigación lingüística, crear unha infraestructura que permita levala á práctica, orientar de xeito aplicado a investigación, desenvolver industrias da lingua e fomentar a participación privada na investigación. "Unha sociedade madura como a galega ten co Plan Xeral unha excelente ferramenta para lle dar o pulo necesario á normalización lingüística, sempre que a súa execución procure realmente os obxectivos marcados", advertiu Galanes.

A xornada de hoxe completouse coa análise do papel das institucións da lingua na normalización do galego e coa presentación aos asistentes da candidatura da tradición oral galego-portuguesa a patrimonio inmaterial da Unesco, una candidatura multinacional que conta co patrocinio, entre outras institucións, do Consello da Cultura Galega, e co apoio dos gobernos galego, portugués e español.

Pola tarde, Helena González, Antón Porto e Olga Fernández, analizarán de primeira man a promoción da lingua galega no exterior a través da súa experiencia en lectorados e cátedras de galego. Entre as súas propostas, destaca a necesidade de mellorar a situación laboral dos lectores e a súa formación continua, establecer acordos con organismos como o Instituto Cervantes para que as súas instalacións sexan plataforma de promoción do galego, e crear unha institución dedicada á promoción exterior da lingua galega. Para pechar os dous días de Encontros, o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, falará dos aspectos operativos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

NAVEGAR EN GALEGO

Os máis de douscentos especialistas que asisten ás xornadas tamén contan nos Encontros cunha mostra de ideas, "Proxecta", na que vinte e dúas empresas e institucións amosan as súas ideas, produtos e proxectos. Entidades como o Instituto da Lingua Galega, os Concellos de Ferrol, Carballo e Ames, a Sociedade Galega de Terminoloxía, os Servizos de Normalización das Universidades da Coruña e Santiago, a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística, xunto a empresas como Imaxin Software, Dimensiona, Acordar Comunicación ou Reverso Servizos Lingüísticos ofrecen aos visitantes a oportunidade de coñecer as ferramentas e iniciativas que desenvolven arredor da lingua.

Manuel Bermúdez, membro do Comité organizador dos Encontros, destaca a presentación na mostra de iniciativas innovadoras, como un tradutor que permite navegar en galego por Internet sen practicamente perda de tempo e calidade lingüística e un Busca-termos de máis de 125.000 fichas en liña. Unhas iniciativas que, sinala, "amosan que o galego entra na modernidade e ten futuro".

Bermúdez explica a importancia desta mostra xa que reúne aos actores do mercado da lingua, ás empresas e institucións implicadas na normalización lingüísticas e aos traballadores do sector, para que intercambien proxectos e ideas.