Durante a inauguración esta mañá das xornadas, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, deu a benvida aos 220 especialistas que asisten ás xornadas (persoal dos servizos de normalización lingüística e tradución de entidades públicas e privadas, investigadores e estudantes), destacando o papel dos Encontros "como un espazo de encontro, diálogo e debate arredor do noso idioma e dos seus procesos e progresos normalizadores".
Nesta preocupación polo idioma, as sesións de traballo comezaron coa intervención da secretaria xeral de Política Lingüística ante os profesionais do sector. Marisol López recoñeceu as dificultades que terá a posta en marcha do Plan Xeral de Normalización Lingüística pola falla de recursos materiais e humanos. Advertiu que "os presupostos están case pechados" e a pesares das peticións do seu departamento, a subida orzamentaria é "insuficiente" en recursos económicos e "máis insuficiente" en recursos humanos. "Imos ter dificultades", recoñeceu Marisol López, para afrontar a aplicación do novo Plan coa mesma estructura da anterior Dirección Xeral de Política Lingüística.
Ante esta situación, asegurou que o seu departamento abordará a reorganización e coordinación de todos os recursos que se destinan á normalización lingüística na comunidade para optimizar os seus resultados e evitar solapamentos. A secretaria xeral apuntou que a anterior Dirección Xeral de Política Lingüística executou "políticas que tiveron éxitos escasos pola falla moitas veces de planificación e de obxectivos concretos" levando a cabo accións pouco produtivas renovadas ano tras ano. Así, sinalou que aínda que seguirá habendo axudas, a Secretaría Xeral que dirixe "non pode ser unha entidade subvencionadora de propostas de todo tipo" polo que "haberá que minguar as axudas dispares" para afrontar as necesidades do Plan. Tamén anunciou unha revisión en profundidade en ámbitos como o ensino de galego para adultos, que cualificou de "obsoleto", e dos lectorados de galego no exterior, entre outros aspectos.
A pesares desta situación, Marisol López fixo fincapé en que "hai que evitar facer unha lectura sistematicamente negativa da lingua" e salientou a implicación do novo Goberno co idioma ao conceder a este departamento o rango de Secretaría Xeral, dependente de Presidencia, e de converter a normalización lingüística nun tema transversal no que se implicarán os diferentes departamentos da Xunta.
Pola súa banda, o presidente do CCG ofreceulle á secretaria xeral de Política Lingüística a colaboración e contribución do Consello da Cultura, como órgano consultivo e asesor e en cumprimento do seu compromiso estatutario de fomento da lingua e a cultura galega.
MOSTRA DE IDEAS
Os encontros continúan hoxe analizando a coordinación entre os servizos lingüísticos e as funcións, actividades e posibilidades de colaboración entre os equipos lingüísticos das universidades galegas, que nos últimos anos están amosando unha gran implicación na situación da lingua galega. O venres, as xornadas abordarán o papel da investigación e as institucións no futuro da lingua, tratando especificamente o caso da promoción do galego no exterior cos lectorados e cátedras. Para rematar, o director do CDSG ofrecerá unha conferencia sobre os aspectos operativos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
De xeito paralelo ás conferencias e mesas de traballo, os Encontros organizan por primeira vez unha mostra de ideas, Proxecta, na que 22 empresas e entidades amosan as súas iniciativas, productos e recursos. O presidente do Comité Organizador dos Encontros e secretario do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo, destacou a importancia desta mostra para facer visible o traballo que se fai a prol do idioma galego, a capacidade de traballo e a creatividade das persoas e entidades implicadas na normalización do idioma, en contra da tendencia a facer fincapé sempre nos aspectos negativos cando se fala do idioma.

